Ourense é o punto con máis librerías locais, 10 das 12 participantes

A especialización marca este ano a Feira do Libro

Manuel Baltar, Jesús Vázquez, Pilar Rodríguez e José Manuel García, durante a presentación.  (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
As casetas da Feira do Libro tratarán de especializarse cada unha nun eido da literatura co obxectivo de amenizar a cita, que hoxe se inaugura na Alameda ás 20,00 horas -aínda que estará aberta dende as 11-.
Alí permanecerán unha ducia de librerías ata o domingo amosando as diferentes perspectivas da lectura para evitar o 'aburrido' doutros anos, nos que 'case tódolos participantes ofertaban os mesmos títulos', segundo explicou o presidente dos libreiros ourensáns, José Manuel García, durante a presentación da 29 edición. No acto estivo acompañado pola presidenta da Federación galega, Pilar Rodríguez; o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.

Baixo o lema 'Pasen e lean', serán seis xornadas nas que a Alameda se converterá en punto central do ocio para tódalas idades. Deste xeito, os profesionais do sector foxen este ano de propostas coma o tradicional pregón, que cambian por música e obradoiros para os máis pequenos. Así, tamén se retoman as visitas diarias dos escolares ourensáns, que aportarán un cento de asistentes cada mañá e contribuirán a dinamizar a feira.

A aposta innovadora deste ano ten acadado éxitos nas feiras celebradas ata agora en Galicia e os organizadores agardan que tamén o faga en Ourense. Aquí, segundo explicou Pilar Rodríguez, o especial é que 'maioritariamente se nutre con librerías locais', de xeito que 10 das 12 participantes son da cidade. Entre as casetas salienta como novidade unha centrada no libro electrónico.

Durante este días, a Feira do Libro permanecerá aberta de 11,00 a 14,00 e de 18,30 a 22,00 horas. Ademais das librerías habituais de cada ano, haberá un outlet de volumes xa descatalogados no que se ofertará o 10% de desconto do resto de obras presentes no certame. Aínda que con importantes novidades, a tradición do certamen manda no tocante á presentación de publicacións, que este ano sumarán unha ducia, e sinaturas de exemplares.

Te puede interesar