Diarios do pasado

Especies humanas na prehistoria ourensá

Bifaz achelense, ferramenta típica dos heidelbergenses.
photo_camera Bifaz achelense, ferramenta típica dos heidelbergenses.

No mes de xullo os medios daban conta do descubrimento dun novo homínido, polo momento sen especificar -“Homo sp”-, no xacemento da Sima do Elefante, en Atapuerca, cunha antigüidade que o situaría entre 1,2 e 1,4 millóns de anos. Sería, ata agora, o europeo máis antigo que coñecemos.

A historia da especie humana está sometida a un proceso de revisión constante. A construción teórica depende do descubrimento e da correcta interpretación dos achados, fósiles de especies xa desaparecidas que por agora nos conducen a antigüidades que rondan os 4,5 millóns de anos en xacementos africanos. Na medida que se incrementan os descubrimentos, e centrándonos na península hispánica, os datos xa garantían un poboamento moi próximo ao millón de anos. Así o testemuñan os descubrimentos en dous xacementos paleontolóxicos paradigmáticos: Atapuerca (Burgos) e Venta Micena, máis coñecido como Orce (Granada).

Coas escavacións de Atapuerca parece que no territorio peninsular podemos certificar cinco evidencias/especies que puideron ser antepasados nosos. O citado “Homo sp” (1,2 ou 1,4 millóns de anos), o “Homo antecessor” (sobre un millón de anos), o “Homo heidelbergensis” (sobre 350.000), o “Homo neanderthalensis” (sobre 170.000), unha evolución do anterior e, finalmente, o “Homo sapiens” (uns 40.000). Esta última é con certeza a nosa especie. Pero os restos humanos, difíciles de conservar, en ocasións aparecen xunto con ferramentas de pedra. É posible que utilizaran outras elaboradas con materiais non conservados, caso da madeira ou o óso, por poñer un exemplo. Os especialistas na etapa paleolítica -que vai dende a aparición dos humanos nun territorio ata a invención da agricultura- clasificaron as ferramentas destas especies en “Modos”, que non vamos a desenvolver agora. Simplemente dicir que no Modo 1 inclúen as dos antecesor e seguramente os homínidos anteriores; no Modo 2 as dos heidelbergensis; no Modo 3 as dos neandertais, e no Modo 4 as da nosa especie, os sapiens. A complexidade técnica das ferramentas increméntase progresivamente na mesma orde.

En Ourense e nos arredores do seu val, atopamos ferramentas dos catro tipos ou modos. Aparecen do Modo 4 feita polos sapiens, e tecnicamente a máis elaborada, xunto ao grupo escolar “Albino Núñez” de Casardomato. As ferramentas dos neandertais, do Modo 3, atopámolas cerca de Toén, no xacemento da Piteira. Sen dúbida as máis numerosas son as pezas do Modo 2, que se prodigan por todo o val de Ourense e as súas terrazas fluviais. Foron fabricadas polos heidelbergensis, antepasados directos dos neandertais. Finalmente, os utensilios tecnoloxicamente máis básicos, do Modo 1, quizá tallados polos antecesor ou outros anteriores, aínda que ferramentas tan elementais puideron elaborarse en calquera etapa. Existe pois, a posibilidade de que estas terras leven poboadas dende hai máis dun millón de anos, e certamente foron habitadas sucesivamente por heidelbergenses, neandertais e sapiens dende, polo menos, uns 350.000.

Quero aproveitar este escrito para lembrarlles que as escavacións en Atapuerca, seguramente as mais sinaladas da península hispánica para o paleolítico, herdaron a iniciativa do investigador ferrolán Emiliano Aguirre, que faleceu o pasado ano 2021. Dados os excelentes resultados que ofrece, tiveron gran difusión polo traballo do equipo interdisciplinar dirixido por Eudald Carbonell, arqueólogo, Juan Luis Arsuaga e José María Bermúdez de Castro, paleoantropólogos, equipo no que despois se integrou a investigadora ourensá María Martinón Torres.

Te puede interesar