A expansión do cristianismo na Gallaecia

Sés episcopais en Hispania no s.IV.
photo_camera Sés episcopais en Hispania no s.IV.

Existen indicios, historicamente non constatados, sobre a intención de San Pedro de viaxar a Hispania, hipótese que se situaría no século I, obviamente d. C.. Tampouco está comprobada a chegada dos sete varóns apostólicos, discípulos de Santiago, para evanxelizar estes territorios de occidente. Os primeiros datos documentais que citan comunidades cristiás antes do século III, os son de San Ireneo e Tertuliano. Pero o documento esencial para datar o cristianismo primitivo hispánico é a chamada Carta 67 de San Cipriano, bispo de Cartago, escrita entre o 254 e o 255. É unha misiva asinada por trinta e seis bispos que, entre outras cuestións, responden ás comunidades de Astorga-León e Mérida polas actitudes dos seus bispos durante a persecución de Decio, coetánea do pontificado do Papa Esteban. Manifestaba ante o pontífice a apostasía dos bispos de León e Astorga -Basílides- e Mérida -Marcial-, ao tempo que cita outra comunidade cristiá en Caesaraugusta, actual Zaragoza.

Temos, polo tanto, datos fiables de mediados do século III sobre a existencia de bispos en cidades que formaron parte da Gallaecia e que, existorían cando menos nas décadas anteriores. Pero descoñecemos o proceso de expansión por estas terras occidentais do imperio. En todo caso preguntámonos se, como aconteceu na península Itálica ou na Galia, a expansión do cristianismo hispánico tamén se deu preferentemente entre comunidades de orixe grega. Aínda que non podemos relacionalos co cristianismo, entre outros motivos porque serían momentos moi tempranos, incluso en zonas remotas do imperio como Ourense, os habitantes/visitantes de orixe grega están ben documentados dende o século I d. C.. As escavacións máis recentes, entre elas as das Burgas, apuntan ao nacemento da cidade na segunda metade do século I d. C., e moi relacionada coa construción dun balneario-santuario termal polos romanos para o deus indíxena Revve Anabaraego. Dos seis altares que apareceron, dous dedicantes teñen nome grego: “Memmivs Evaristvs” e “Caivs Faberivs Hyametvs”. O santuario estivo en funcionamento entre mediados del s. I y del II d. C., e o feito de que estos dous personaxes de orixe grega aparezan nunha cidade que non se considera importante, nin se cita nos documentos históricos -como tampouco se representa nos mapas da época-, podería indicar que a súa presencia na Gallaecia non fose escasa nin se houbese reducido a casos illados.

Parece que os primeiros cristiáns hispanos distribúense sobre todo polas cidades -como xa ocorrera en Oriente-, rede urbana tecida pola expansión do Imperio e onde atoparían eco e acollida cultos mistéricos orientais -Mitra ou Isis- entre os que, en consonancia coa ideoloxía politeísta da sociedade romana, sería fácil que adoutasen o cristianismo. O elenco de mártires en Hispania, tema que trataremos noutra ocasión, procede basicamente de cidades, onde que se concentrarían as comunidades de crentes. Entre outras, a documentación remite a Tarraco, Corduba, Calagurris, Caesaraugusta, Valentia, Complutum, Barcino o Gerunda, todas ben comunicadas pola rede viaria. Iso non impide que en séculos avanzados, a expansión alcance ao rural, como se deduce de achados do século IV: o sartego de Temes -Ribeira Sacra luguesa- ou posible oratorio de Ouvigo -A Limia-. En todo caso e en toda Hispania, obsérvase unha relación estreita entre a romanización e a cristianización, pudendo ser esta unha máis das múltiples facetas da expansión de Roma.

Te puede interesar