arte et alia

Expón Luís de las Cuevas

Chega ao edificio da Confederación Empresarial de OUrense (CEOU) unha exposición de escultura, que é unha nova proposta plástica no camiño iniciado nos anos precedentes polo recentemente falecido presidente José Manuel Pérez Canal. Durante a súa dirección foron amosado aquí a súa arte Juan Manuel Lazcano, Baldomero Moreiras, Manolo Figueiras ou Lola Veiras. Dúas características teñen sido as predominantes nelas, ante todo a amplitude das mostras, ante o volume de espazos nos dous andares, sendo outro o da consideración persoal e das súas propostas artísticas tan afeitos a expoñer en galerías, exhibindo moitas veces un concepto plástico unitario na sala, para pasar neste caso á directa constatación de vivenda burguesa, público que é, no fondo, o que adoita mercar as obras para un entorno de complemento ao mobiliario decorativo. Luis de las Cuevas preséntase cunha achega deste último perfil, unha mostra que convén inserila no ronsel de Pérez Canal, polo formato das anteriores malia facer o acto de inauguración a comezos deste mes de pleno verán, motivado polas eleccións á institución, sendo así un dos primeiros actos de Marisol Nóvoa Rodríguez, a nova presidenta. 

A modo de presentación, para os lectores non informados, digamos algo da súa vida e arte. Trátase dun escultor ourensán, pois aquí naceu en 1953, estudando cos HH. Maristas no seu novo colexio, para estudar Económicas en Santiago, licenciatura dende a que oposita á función pública, vivindo en Madrid dende 1978, onde desempeña a actividade laboral no Ministerio de Trabajo, ata a súa xubilación. A súa paixón pola arte é nos seus inicios co barro e a madeira, dando o paso cara ás clases reguladas na madrileña Escuela de Artes y Oficios, onde non chega a perseverar pois está apenas un curso. Nos anos a seguir, con empeño e vontade, comeza un camiño que o trae até agora unido á práctica escultórica en bronce, material que trata, dun xeito moi persoal como non podía ser menos. Luís privilexia a liña, tratando de dar con ela forma ás figuras dende os límites do debuxo, sendo o corpo, de existir, plano, un espazo entre as espelidas liñas das extremidades. Teñen estas pezas algo de caricatura, pois interésalle máis o xesto que o garbo. O forte del son a fundición das pequenas pezas, cabezas que amosa en vitrinas, ou en despachos, rostros ou corpos ás veces dunha liña. A primeira exposición en Mayte Commodore, Madrid, en 1993, e as seguintes no Café Isaac, en Ourense, en 1998 e 2001, comeza a vender por encargo, realizando pezas de agasallo e trofeos para entidades bancarias, Tele 5, a Revista de Arte Logopress, regatas de Portosín ou campionatos de golf. Ten acudido a algunhas feiras de arte, caso dunha en Sevilla en 2006, e Gante (Bélxica). E exposto en Madrid e arredores, Guadalajara, A Coruña e Compostela. Con Moreiras ten feito dúas exposicións dende a da Galería Visol en 2011, ano no que fixo unha no restaurante Porta Faxeira e recentemente outras no Hotel Virxe da Cerca, ámbalas en Santiago. A de Ourense é a súa máis ampla mostra, case unha retrospectiva.

Te puede interesar