Arte et Alia

Exposicións da vida lenta e biblias “clandestinas”

Panel e vitrina das publicacións clandestinas, raras e curiosas.
photo_camera Panel e vitrina das publicacións clandestinas, raras e curiosas.

Olladas cara a labores tradicionais do rural de Galicia, fotos en B/N as máis antigas, e algunhas a cores dos anos setenta, cos primeiros tractores segando avea…, que nos transportan a outros tempos con estas actividades produtivas, feitas todas con ritmos calmos. Éo tamén a banda sonora que escoitabamos durante a visita, e que puidemos apreciar en toda a súa extensión, e beleza, na web de Afundación. Moisés Quintas inventa un fondo para o acompañamento das imaxes cos sons de carpinteiros e doutros oficios, e traballos, caso do xirar das moas dos muíños, o afiar das gadañas, o canto do eixo dos carros de bois, mesturados cos trinos dos paxaros, oulear dos lobos, e tamén o da mar. Todo elo cos sons de distintas frautas, pois é un estudoso delas, da guitarra, e os alalás, ese canto popular lento executado en notas sobre unha soa sílaba, formando un adorno, que acaba “ailalala, ailalala”…, inspirándose especialmente na obra do fotógrafo lucense Carlos Valcárcel. 

Fragmentos dos textos dalgúns poetas gañadores do Premio de Poesía da institución, caso de  Gonzalo Hermo (“Observo a estación mudar dende a fiestra”) ou Oriana Méndez (“o olor da herba seca de mil/desertos arrasados”) se insiren como complemento das instantáneas co lúpulo, as lavandeiras nas beiras do Miño en Lugo, o pastoreo de vacas e ovellas, o traballo coa grade, o de remendar as redes, a vendima, e o carreto de uva en Ribadavia, e o “amor nas feiras de Santos”, chamaron a nosa atención. Son dos fondos documentais dende 1930 até finais do século XX das coleccións de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión e o arquivo dos fondos fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Podemos facernos así unha idea do cambio da agricultura tradicional entre 1978-1986, cando era o 16% da poboación que traballaba nela, e apenas hoxe un 5%. A produción desta exposición complétase cunha ampla curta que firma Aser Álvarez na que recolle “A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego”.


EXPOSICIÓN DE BIBLIAS “CLANDESTINAS” 

Pódese ver durante esta quincena no Liceo a mostra “Publicaciones clandestinas, raras y curiosas”, co comisariado de José Luis Fernández Díaz, máis coñecido por “Carnicero”, apelido de José, o avó farmacéutico da Ponte. A súa condición de pastor da Igrexa Evanxélica de Ourense de Bonhome e mestre de Educación Musical denotase nesta ampla mostra bibliográfica-informativa. Centrada nas publicacións prohibidas e perseguidas por propugnar liberdades sociais que batían coas teses contrarias aos poderes fácticos do Estado, dende finais do século XIX. Como expresión do exercicio de liberdade, en sentido amplo, aparecen nela tanto o comunismo como a masonería, que tamén están representados, na que destacamos a presenza de Curros Enríquez.

Son vinte os paneis informativos que comparten espazo na área expositiva do sobreclaustro liceísta coas vitrinas con libros e revistas, densidade merecedora dunha ampla sala. Nun dos paneis aparecen “Ruedo ibérico” e “Vieiros” entre as “Editoriais perseguidas” (sic), incluída esta por contar entre os pretrucios dela, dende o primeiro número en 1959, a Antonio Fernández Carnicero. Nel publica Delgado Gurriarán, exiliado en México, e homenaxeado este ano nas Letras Galegas. A mostra ten un acaído cartaz obra do artista Xosé Luis Otero que se inclúe no amplo folleto dela.

Te puede interesar