EMPLEABILIDADE

A Feira “EmpregoInCampus” conectou empresas e alumnos no Campus de Ourense

A feira de emprego, onte no pavillón de deportes do Campus.
photo_camera A feira de emprego, onte no pavillón de deportes do Campus.

Preto de 400 estudantes e 70 entidades participaron na segunda edición deste evento laboral

O Campus de Ourense acolleu onte a segunda edición da Feira EmpregoInCampus, unha cita na que o alumnado da Universidade de Vigo puido aproximarse ao mercado laboral. No pavillón de deportes instaláronse 42 postos e 10 mostradores informativos institucionais. Ademais, os estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática puideron levar a cabo entrevistas persoais con 25 empresas nunha zona específica.

Natalia Capirrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, destacou a boa acollida do evento polas entidades: “Moitas repiten do ano pasado”, dixo. Ademais, cifrou nuns 400 os estudantes inscritos para a feira e para as entrevistas, aos que hai que asumar os asistentes que acudiron por libre. A vicerreitora subliñou a importancia de que o alumnado “coñeza o que lle van pedir as empresas” para preparar a súa incorporación ao mercado laboral.

Esa é a idea do evento. Na feira, os estudantes puideron coñecer de primeira man as diversas saídas profesionais que lles ofreceron arredor de 70 entidades públicas e privadas. Institucións e empresas de todo tipo de sectores. Ademais, tiveron ocasión de contactar directamente con elas.

Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus, cualificou como “moi importante” achegar o alumnado ao mercado laboral “a través de iniciativas coma esta” e axudalo a saír na busca de emprego, un salto que “custa moito”.

A feira contou coa visita do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e do recén nomeado conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, entre outras autoridades como a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa.

"Espírito empresarial"

González destacou a colaboración institucional para promover o “espírito empresarial” na comunidade universitaria. Neste sentido, sinalou que as tres universidades galegas reciben 410.000 euros este ano para promover actividades como feiras de emprendemento e apoio ao emprego. Mesmo onte, o departamento que dirixe contaba cun posto na feira para orientar aos estudantes.

O conselleiro subliñou que “as novas xeracións son o futuro”. Por iso, seguirase dotando á mocidade “das oportunidades que precisan” nun esforzo compartido coas institucións educativas. Co “convencemento” de que a xente nova é un “garante para construír unha Galicia próspera”, González puxo o exemplo do programa Investigo. Financiado con 4,8 millóns de euros, busca apoiar a contratación de menores de 30 anos nos eidos da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Tamén lembrou que a mocidade ten “acceso preferente” a outros programas da Xunta.

Te puede interesar