En Ourense, quéixanse de que o anuncio da implantación dun concurso público chega tarde

Os festivais culturais critican o sistema de axudas da Xunta

A comezos deste mes, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, anunciaba un cambio no modelo de concesión das axudas ós festivais galegos. Deste xeito, desaparecen os convenios puntuais para este tipo de eventos e xorde a concorrencia competitiva, que sairá publicada a finais de marzo.
A pesar de que o groso do borrador desta medida foi consensuada cos representantes dos festivais, segundo sosteñen dende Agadic, os detalles non están acadando unha ampla aceptación. O director da Miteu e a Moti, Fernando Dacosta, asegura que 'hai que estar de acordo' no feito de que as subvencións saian a concurso público baseadas en criterios obxectivables, que constitúe a primeira parte do anuncio de Fasero. A partir dese punto, as palabras de Dacosta sinalan a orixe do problema en que 'non houbo unha consulta clara co sector'.

En Galicia, son 14 os certames que integran a Asociación de Festivais de Artes Escénicas (Afearte). Deles, cinco están na provincia. Á Moti e a Miteu súmanselle o Fito, a Mostra de Ribadavia e o Fetega do Carballiño. A entidade xa lle tiña pedido este novo sistema á axencia, pero 'tardaron moito' en materializalo. É a valoración de Dacosta, pero con el coinciden Ánxeles Cuña, directora do Fito; Roberto Pascual, de Ribadavia, e Josi Lage, do Fetega. Agora, as axudas para algúns festivais, segundo alertan, poderían perigar por falta de tempo para coordinarse cos prazos do concurso.

En calquera caso, a inseguridade é o sentimento xeral á falta de que Agadic concrete os anuncios emitidos ata agora. O que suporá a desaparición dalgúns festivais que non cumpran os criterios marcados pola entidade de Industrias Culturais.

Para Roberto Pascual 'o de café para todos non vale' e, por iso, considera esta unha 'boa oportunidade' para que os certames teatrais demostren a súa valía. Nese sentido 'non temos ningún medo' de poder quedar sen axudas este ano. Pola contra, Ánxeles Cuña, considera que 'non hai festivais mellores nin peores'; a 'clave' para ela son os criterios de 'calidade, impacto e eficiencia'. Josi Lage, do Fetega, lamenta non poder asegurar que a edición deste ano vaia celebrarse pero avisa de que 'se cae, a súa falla terárepercusión'.

O anuncio de Agadic establecerá os mesmos parámetros para festivais teatrais e musicais. Durante o 2011, apoiou oito na provincia. Ademais dos xa citados, as axudas chegaron a Reperkusión, o festival de Riós e o Festival Alternativo da Xuventude. No 2012 retomou tamén a participación no Pórtico do Paraíso, onde non colaboraba dende 2010.

Te puede interesar