O Festival de Cine volve na edición máis ourensá da historia

OURENSE (TEATRO PRINCIPAL). 03/10/2021. OURENSE. Últimas proxeccións do OUFF. FOTO: ÓSCAR PINAL

Tras meses de espera, hoxe arranca a 27ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF), unha edición máis ourensá ca nunca, xa que unha de cada cinco películas levan ADN ourensán, reforzando así a aposta da Deputación por converter a provincia nun estudio de rodaxe. O pistoletazo de saída será ás 20,30 horas coa gala inaugural -que se poderá seguir por streaming a través da páxina web de La Región- e coa estrea mundial dunha película rodada integramente na provincia: “O home e o can”, dirixida por un dos directores galegos máis recoñecidos a nivel internacional como é Ángel de la Cruz. Máis de 100 pezas exporanse nas salas de cine do centro comercial Pontevella, no cineclube Padre Feijóo, no Teatro Principal e no Auditorio.

Este festival que arranca hoxe permanecerá en Ourense ata o 1 de outubro non só contará con películas nacionais, xa que hai filmes chegados de 25 países. O prezo para acudir a cada unha das proxeccións da sección oficial é de tres euros, así como para asistir ao Inédito Ourense e a Sesións Especiais. No resto, a entrada é completamente de balde. Estas entradas poderanse adquirir a través de ataquilla.com e galicine.es, así como nas taquillas do centro comercial Ponte Vella.

E non só haberá cine, senón que ás proxeccións súmanse as actividades paralelas, entre elas a exposición “Manual do director, directores de fotografía de Galicia”, do fotógrafo ourensán Xulio Gil ou as masterclass, tanto a impartida por Jaime Chávarri como a de Carlos Faruolo.

Te puede interesar