Florencio de Arboiro: tres artistas, unha exposición

FLorencio de Arboiro, no parador de Santo Estevo (Foto: Xesús Fariñas)
Santo Estevo de Ribas de Sil foi o lugar escollido polo escultor Florencio de Arboiro para amosar unha selección daquilo que ten movido a súa traxectoria: o psiquiátrico de Toén, os oficios tradicionais e o mundo do afiador.
Quero ser sincero coa miña obra e comigo mesmo, do mesmo xeito que a natureza o é con cada un dos elementos que a compoñen (...). Supoño que podería resumir o meu obxectivo na frase de León Tolstoi: 'Mira ben ó teu pobo e serás universal'. É o que eu fago cada día, mirar ó pobo e tratar de plasmar o que xa non podo ver'. Ninguén mellor có propio autor para definir unha obra que conta historias, fala de personaxes e amosa a realidade coa que Florencio de Arboiro convive cada día. Tamén o resto paseamos ó lado das persoas que el esculpe, pero o xeito no que el repara nelas sérvelle para crear pezas que 'movan os recordos, os sentimentos e, en esencia, o espírito de quen a observa'.
A alma da súa obra volta unha vez máis ó parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, aínda que nesta ocasión a súa estadía será máis longa do habitual. Dende o 1 de xuño ata que o ano dea a volta, Florencio de Arboiro amosará o que se podería considerar como unha exposición antolóxica do seu traballo. Cada un dos catro laterais do andar superior do claustro dos Bispos recolle unha das inquedanzas que moveron a obra do escultor durante toda a súa vida.
Nada máis acceder, a primeira selección de pezas é variada. Recibe ó visitante unha alegoría do deporte, na que os seguidores tallados en madeira sosteñen unha representación das diferentes disciplinas nese bronce que tan ben traballa Florencio de Arboiro. Dende aí sucédense elementos variados que, á volta da esquina, deixan paso ás historias coas que tantos anos compartiu traballo o escultor como encargado dos obradoiros de artes plásticas do centro sanitario Cabaleiro Goás.

o psiquiátrico de toén
Foi precisamente en Santo Estevo onde conmemorou o 50 aniversario do centro de Toén coa mostra 'A pegada dun psiquiátrico' durante o verán de 2009. Unha vez que Florencio de Arboiro se xubilou, quixo compartir cos ourensáns esas historias das que foi testemuña. 'De cada paciente había folios e folios sobre as súas medicacións e doenzas, pero nin unha palabra sobre as súas vidas'. Aínda hoxe lembra ó Delineante de Ideas, ó Pipas ou ó Poeta, coas súas virtudes e defectos.
Impactan as fiestras empregadas a modo de marcos de fotografías cos personaxes que despois el retrataba en bronce. Impactan os trebellos que precisamente o Pipas imaxinaba e construía para poder fumar. Impactan as frases recollidas polo escultor e reproducidas nuns paneis como reflexo da tolemia. E, ó final desta parte da mostra, impacta unha porta abolada pola patada dun paciente que Florencio de Arboiro converteu en escultura.
A exposición do parador está practicamente finalizada, a falta dalgúns detalles que estarán listos para inauguración do próximo venres. Seguen aínda dúas partes máis, reservadas para dúas das paixóns do artista: as profesións populares xa estinguidas e o venerado mundo dos afiadores.
A mostra do autor, que lle debe o seu nome ó pobo natal de San Xoán de Río, amosa as dotes para mestruar coios, carballos, bronce, pedras, pizarra e madeira coa historia, a etnografía, as lembranzas... Tal é a cercanía das historias que sobresaen de cada peza que un non pode menos que preguntar: 'Non costa desfacerse delas?'. A resposta de Florencio de Arboiro é clara e tranquilizadora: 'Non, porque sei que quen as leva, apréciaas'. O mesmo lles acontecerá a partir do próximo venres a cantos pernocten ou visiten o parador, un escenario favorable para que a obra do ourensán tome un carácter internacional do que se congratula ó ler o libro de suxerencias.

Te puede interesar