Francisco Castro recibe o premio Pura e Dora Vázquez

Francisco Castro.
photo_camera Francisco Castro. (Imagen de archivo)

O escritor vigués Francisco Castro, director da editorial Galaxia, foi o gañador do XIX Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, pola súa obra “Xoán, Xoana”, presentada  baixo o pseudónimo de Paul Breson.

Reunido a mañá de onte no Pazo Provincial, o xurado, presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, destacou a “excelente calidade” literaria dun texto no que se observa “un gran equilibrio entre os diálogos e a narración”, sinalando ademais “a achega de valores interesantes” ao tratar un tema de plena actualidade como “a reafirmación de identidade na adolescencia”.

No seu fallo, o xurado tivo en conta “o bo manexo do rexistro de personaxes e do ritmo narrativo”, así como o feito de que “a obra potencia dende o principio o interese por coñecer o final e por saber que vai pasar”. No relativo á temática, o autor “dá visibilidade aos aspectos de xénero, que trata con naturalidade nun contexto educativo, e dá voz á diversidade”, sinala o xurado.

Dende a comisión sinalan que o relato de Castro aborda unha cuestión que “produce, ás veces, situacións de conflito como é o acoso a través do fútbol e nos patios de recreo”, ademais de reflectir un problema “que se presenta, tanto entre os nenos como cos adultos; no colexio, e na familia”.

Xunto a Torres, no xurado actuaron como vogais David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrío e Isabel Mociño, cada un en representación dos grupos políticos dentro da deputación: PP, PSOE, DO e BNG, respectivamente. A xefa da sección de Arquivo e Publicacións, Ana Malingre, exerceu como secretaria.

Despois de coñecerse o laureado na modalidade de narrativa, a partir de onte quedaba aberto o prazo, ata o vindeiro 30 de setembro, para presentar os orixinais na modalidade de ilustración do mesmo premio, que con outra retribución de 1.500 euros ten por obxectivo complementar con imaxes ao texto gañador.

Te puede interesar