POLÍTICA LOCAL

Francisco García encabezará a lista do BNG ao Congreso

Francisco García, exalcalde de Allariz (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Francisco García, exalcalde de Allariz (ÓSCAR PINAL).
O exalcalde de Allariz sustitúe a Iago Tabarés, que decidiu non repetir por motivos persoais

O nacionalista Francisco García, exalcalde de Allariz, asume a cabeza de lista do BNG pola provincia nas eleccións xerais do 10 de novembro. Despois da renuncia do anterior candidato, Iago Tabarés, por motivos persoais, o Consello Nacional, celebrado durante a xornada de este sábado en Santiago, propuxo a García. 

"Penso que é un momento importante no que Galicia precisa voz propia en Madrid", sinala o anterior rexidor alaricano. "Está claro que os nosos intereses non están presentes no Estado, vese nos orzamentos e na pouca inversión na nosa comunidade", engade. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, tamén asegura que o 10N é unha "nova posibilidade" para recuperar o espazo perdido no Congreso nas eleccións de decembro de 2015 despois de 20 anos. 

A nivel ourensá, García enfronta con "realismo" os novos comicios: "Sei que a nosa é unha provincia difícil, que a caída demográfica provoca que teñamos unha representación moi exigua, pero tivemos un bo resultado na pasada cita electoral e espero que aumente". 


"Romper o círculo vicioso"


Tralo Concello Nacional, Ana Pontón criticou a "incompetencia" das forzas estatais, ante a falta de acordo dos últimos meses. "Temos que romper este círculo vicioso no que os demais deciden por nós", sinalou. Pola súa parte, García espera que o "cabreo" dos cidadáns torne "constructivo": "Agardo que o desencanto se traduza no apoio a unha forza política seria, que cando goberna ten capacidade de transformación".


Nova candidata na provincia lucense, Olalla Rodil


O Consello Nacional do BNG nomeou tamén a Olalla Rodil –parlamentaria en Santiago– como sustituta de Maite Ferreiro pola provincia de Lugo. Ana Pontón quixo agradecerlle, tanto a Ferreiro como a Iago Tabarés, o traballo realizado. Por outra banda, a portavoz nacional da formación frentista asegurou que o Bloque Nacionalista non formará parte da alianza galega de forzas progresistas, proposta por Marea a semana pasada. "Galicia foi relegada a estar desaparecida, basta xa deste bipartidismo e baile de siglas que amosaron pasotismo", engadiu Pontón.

Te puede interesar