O recente informe do Consello da Cultura e os axustes económicos poñen en perigo as subvencións

As fundacións ourensás buscan alternativas á crise

Alumnos de Tui, nunha visita á fundación Curros Enríquez de Celanova. (Foto: MARCOS ATRIO)
A mediados de outubro, o exconselleiro de Cultura Roberto Varela puxo de manifesto a súa aposta por que as fundacións culturais investigasen 'novas portas de viabilidade'. E facíao a raíz da presentación do 'Informe sobre a regulación, organización e funcionamento das fundacións culturais de interese galego', elaborado polo Consello da Cultura Galega por encargo da propia consellería. As conclusións que se extraían del viñan a deixar en evidencia unha idea: a Xunta non pode soster a totalidade das fundacións e 'hai que distinguir entre as que teñen un carácter simbólico das que non', en palabras de Varela.
Sen embargo, entre os responsables das fundacións ourensás, a noticia non foi recibida cun grande xúbilo. Luis Martínez Risco, secretario da fundación Vicente Risco, considera que hai que ser 'moi crítico' con este informe; sobre todo porque 'non nos consultaron'. Ademais, considera que 'non facía falta que o Consello nos dixera que nos tiñamos que buscar a vida por aí'. Os tempos obrigan e as fundacións ourensás comezan a buscar alternativas a expensas do que poida ocorrer cos fondos públicos destinados a elas.


DISTINGUIR A FUNCIÓN

De tódalas fundacións consideradas de 'Interese galego', as que se atopan en peor situación son as culturais. Dende a Curros Enríquez, Antonio Piñeiro califica de 'incógnita' o futuro. 'A Xunta terá que racionalizar e analizar cales pagan a pena e cales non', pero iso 'require un estudo moito máis profundo' có realizado polo Consello da Cultura. A alternativa no seu caso baséase nunha idea: 'Temos que agudizar o inxenio partindo da base de que a cultura non ten por que ser gratuíta'.

A autofinanciación parece ser a solución nalgúns casos, coma o da Cum Laude. A eles, os recortes a Xunta 'no nos afectan', segundo precisa a súa presidenta, Ángeles Rodríguez Baliño, porque nunca viviron de subvencións. No futuro, ó seu entender, as fundacións deben 'conseguir sus propios recursos'.

Aínda que ó falar deste tipo de colectivos, os culturais adoitan seren os predominantes, outros eidos, coma o deportivo, non están exentos de complicacións económicas. Cipri Gomes, da fundación que leva o seu nome, traballa por inculcar os hábitos deportivos en zonas do rural, entre outros obxectivos. 'Vivimos un cambio de directrices y tenemos que adaptarnos todos', sostén. Entre os proxectos nos que traballan figura a implantación dun centro de alto rendemento en Ourense porque tentan 'actuar donde vemos que hay carencias'.

Se unha cousa ten clara Gomes sobre os tempos que vivimos é que servirán de criba para 'purificar este sector' e distinguir entre 'las que de verdad tienen actividad de las que no'. Con el coincide Antonio Piñeiro que entende que tamén hai 'campo para traballar por encargo das propias administracións', mentres que Risco asegura que as fundacións galegas deben 'equilibrarse' en canto a ingresos.

Te puede interesar