OUFF

De furanchos e risadas polo Ribeiro: son "Os Mariachi"

OUFF
photo_camera Director, productor e parte dos actores da serie "Os Mariachi", onte no Principal.

A comedia que estreou o OUFF reivindica a paisaxe de termas e viños como unha "personaxe máis"

O pasado 30 de novembro, o produtor José Besteiro presentaba a nova serie da TVG "Lobos e Cordeiros", unha ficción de época ambientada en diversas localizacións da provincia. Comentaba a "inxustiza histórica" da ficción con Ourense e reivindicaba o potencial dos nosos espazos para brillar na pantalla. Onte fixo o propio Carlos Ares. É un dos directores e produtores da outra aposta pola provincia nas series que chegan á televisión galega: "Os Mariachi" está integramente rodada en O Ribeiro e o público do OUFF puido desfrutar do primeiro capítulo desta comedia nunha velada no Teatro Principal na que estivo gran parte do elenco.

"Quixemos facer unha serie nun sitio que merecese a pena, gustounos o ambiente de termas, de viños e de boa xente que atopamos e levabamos tempo pensando en rodar aquí. A vila inventada que sae na serie, "Caldelas", é unha personaxe máis que recolle o espíritu de O Ribeiro", adianta Ares. O mítico furancho "A Papuxa" de Ribadavia, o casco antigo, o ambiente do barrio xudeu, as vilas de Arnoia ou Cenlle serán recoñecidas na tele nunha nova reivindicación máis polos escenarios ourensáns.


Leas familiares


A historia reflicte a relación entre dúas familias que aparentemente non teñen nada en común: un recto notario e os seus veciños, Os Mariachi, descendentes de emigrantes mexicanos cunha vida que roza o caos. "Pero pasa algo entre eles que vai a facer que se unan máis. Unha lea amorosa", conta Carlos Ares.

Os artífices: Carlos Ares, Manuel Manquiña, Xosé Castro e Andrés Mahía esperan que o público se divirta con esta aposta polo humor que ten moito de retranca. Axudan os intérpretes: un elenco de luxo formado por Manuel Manquiña, Antonio Durán "Morris", Patricia Vázquez, Federico Pérez Rey, Marcos Pereiro, Cristina Andrade, Marita Martínez e Lucía Veiga. 

Os creadores estiveron dous anos preparando a serie, aínda que se rodou en poucas semanas. O OUFF foi a primeira oportunidade para ver a serie, que aínda non ten data de estrea na televisión. Confían en que "pronto" se poida ver esta comedia de situación en entregas de 30 minutos–repartidos en dous episodios de 15 minutos cada un–e que explica como dúas familias están condeadas a entenderse. 

Te puede interesar