O gando volveu á feira de Castro Caldelas 25 anos despois

O toural de Castro Caldelas durante a feira de gando.
photo_camera O toural de Castro Caldelas durante a feira de gando.
Os tratantes examinaron uns cen animais en Castro Caldelas “e case todos foron vendidos”

A recuperación da feira de gando de Castro Caldelas tivo unha gran acollida con preto de cen cabezas de gando ocupando as instalacións do toural, onde os tratantes despregaban as súas artes de compra e venda de animais, examinando cada un deles detidamente.

Este xoves, coincidindo coa feira e mercadiño quincenal da vila, o toural foi o lugar máis visitado desde as 11,00 horas, acollendo a feira de gando, algo que facía máis de 25 anos que non acontecía. 

Os gandeiros foron achegándose coas súas reses desde a primeira hora da mañá dispostos tando a mercar como a vender, e coa maior das ilusións por poder recuperar esta feira. “No seu tempo foi das máis importante da provincia de Ourense”, aseguraba a súa alcaldesa, Sara Inés, cando anunciaba a súa recuperación, despois do éxito recollido no concurso exposición do pasado mes de setembro, coincidindo coa Festa dos Remedios.

Persoal autorizado traballaba no centro habilitado para desinfectar os vehículos de xeito gratuíto co gallo de facilitarlle aos gandeiros o transporte dos animais sen desprazarse da súa zona. Ao remate desta primeira feira de gando, segundo a testemuña dalgúns gandeiros, “case todos os animais remataron vendidos”, demostrando así o dinamismo da xornada. 

Te puede interesar