Premian a publicidade en galego do Grupo Cuevas

Miguel Ángel Santalices entrega o premio ao director xeral do Grupo Cuevas.
photo_camera Miguel Ángel Santalices entrega o premio ao director xeral do Grupo Cuevas.
O galardón destaca a "imaxe de normalidade, coherencia e compromiso no emprego do idioma"

Unha das campañas en lingua galega do Grupo Cuevas, "Gústame ir ao súper", foi recoñecida entre as mellores dos últimos anos no Parlamento de Galicia, que acolleu este luns o acto de entrega dos XVIII Premios de Publicidade en Galego. A presente edición contou coa participación de 22 traballos nas cinco categorías de publicidade en prensa, radio, TV, internet ou centro educativo. O xurado outorgou os galardóns tanto á empresa anunciante como á axencia de publicidade responsable da campaña.

No ámbito de internet, a Comisión de Valoración quixo distinguir a campaña dixital "Gústame ir ao súper", elaborada pola axencia Neozink para o Grupo Cuevas, debido á súa "imaxe de normalidade, coherencia e compromiso no emprego do idioma". Recibiu o premio en nome da compañía o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste i Tarragó.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, lembrou o compromiso da institución co certame desde a disolución do órgano fundador, o Consello Asesor da RTVE Galicia. "Asumimos a remuda desde o noso firme compromiso coa lingua galega, tesouro e sinal de identidade", afirmou.

Ademais, Santalices valorou que a publicidade en galego non só constitúe un "compromiso coa cultura do país", senón que tamén o considerou "unha decisión intelixente e acertada" nas estratexias empresariais das entidades premiadas. 

Te puede interesar