O grupo universitario Maricastaña pechou o certame teatral con 'Leve, a nada entre as mans', unha versión de 'Seda'

O grupo portugués de Covilhâ acada o recoñecemento do xurado na Miteu

Marisa Calvo recibiu o premio de honra de mans de Isabel Pérez. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
A compañía Teatr'ubi, procedente de Covilhâ, en Portugal, foi a mellor considerada polo xurado da XVI edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario. A peza 'Son(h)o dor-mente', desenvolvida o domingo, día 10, foi merecedora do galardón Carlos Couceiro e Begoña Muñoz á mellor dramaturxia. O público, pola súa banda, escolleu como mellor peza o espectáculo 'Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz', que interpretou a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela este xoves.
O recén creado galardón Suso Díaz para a mellor resolución técnica recaeu en dúas compañías. Este premio foi outorgado tanto polos técnicos do Teatro Principal coma polos do Auditorio e a el optaban tamén os grupos profesionais. De aí que, aínda que no primeiro escenario resultou gañadora a peza 'Los españoles bajo tierra' da Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza, no Auditorio os técnicos inclináronse por Ymedioteatro. Procedentes de Jaén, estiveron o pasado luns co espectáculo 'Monstruario. La historia extravagante del Hombre Elefante'.

Ademais destes galardóns, a XVI Miteu outorgoulle a Marisa Calvo o premio de honra. A actriz recibiu este recoñecemento como representantes 'dun grupo de persoas que sentaron as bases para o teatro que hai hoxe en Ourense', asegura o director do festival, Fernando Dacosta.

O acto de entrega, que tivo lugar no Teatro Principal, deulle paso á última peza teatral da Miteu deste ano, aínda que non último evento. 'Leve, a nada entre as mans', a adaptación que Fernando Dacosta fixo da 'Seda', de Alessandro Baricco, foi interpretada polo nivel tres da aula universitaria de teatro do Campus de Ourense, o grupo Maricastaña.

Onde de verdade rematou esta XVI edición foi no Café Cultural Auriense xa ben entrada a madrugada. Os encargados deste peche foron os membros do enerxético grupo de rock Overher, que ofreceron un concerto composto polos temas que levan presparando nos dous últimos anos e que gravarán nestes días.

Te puede interesar