Un grupo de voluntarios plantará 200 árbores en Ourense para concienciar á Xunta da necesidade de forestar

A Fundación Germán Estévez para a protección da natureza e a defensa do medio anunciou hoxe que un grupo de voluntarios levará a cabo o próximo sábado unha plantación de 200 árbores autóctonas no monte dos Biocos, no concello ourensano de San Xoán de Río, ‘para concienciar á Xunta da necesidade de inverter en forestación’.
Nun comunicado, a asociación explicou que invitarán aos cabezas de lista por Ourense nas próximas eleccións xerais dos principais partidos políticos para que se unan a esta iniciativa e ‘plasmen con feitos o seu interese pola defensa do medio e pola necesidade de preservar os valores naturais da Ribeira Sacra.

Os ecoloxistas explicaron que nos últimos cinco anos se queimaron máis de 300.000 hectáreas en Galicia e denunciaron que o Executivo galego ‘non tomou en serio a necesidade de defender o sector forestal’.

Así, lamentaron que en tres décadas de autonomía ‘non se chegase a consensuar unha verdadeira política’ para a defensa do rural e o apoio aos veciños das aldeas’. Así, consideraron necesario impulsar convenios cos concellos e apoiar con axudas directas os veciños, ‘que son os que manteñen os montes limpos e son os verdadeiros ecoloxistas do rural’.

Te puede interesar