César Fernández, vicepresidente da Deputación: “Hai empresas que urxen o Centro Galego da FP”

photo_camera César Fernández, vicepresidente de la Diputación, valora los últimos avances y sostiene que el centro ourensano se especializará en el sector alimentario
Este proxecto é un dos máis ambiciosos da provincia

César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, mantén reunións de traballo para perfilar o futuro Centro Galego da Innovación da FP “Eduardo Barreiros”, cuxas obras están a piques de rematar no barrio de Mariñamansa.

O proxecto, un dos máis ambiciosos da provincia (9,9 millóns de inversión -cinco aportados pola Deputación e o resto pola Xunta), aspira a converterse na vangarda da FP galega, que multiplica por dez o seu alumnado nos últimos tempos e logra taxas de inserción laboral superiores ao 95% en casos como o da FP Dual, onde os estudantes se forman e traballan á vez nunha empresa do sector.

A nova infraestrutura aspira a conectar aínda máis a empresa e a docencia. “Traballaremos para conseguir que a provincia se convirta no polo investigador da FP de Galicia”, adianta Fernández. 

Cando prevé a apertura? Febreiro foi a última data proposta…

A obra avanza, a crise de suministros provoca retrasos, pero o contexto que nos marcamos é o inicio do próximo curso.

Vense dicindo que non é un centro de FP ao uso. Que será?

Non, non se rixe polo curso académico. É un polo de investigación, o cerebro que vai dirixir a evolución de toda a FP en Galicia. O centro afondará na ligazón entre tecido empresarial e docencia para dar resposta ás novas necesidades que incorporará o mercado, de investigación e innovación. Aquí levaranse a cabo tódolos traballos de investigación para que o coñecemento e as patentes que se consigan, se trasfiran ao sistema docente e o alumnado poña en marcha o investigado dentro da empresa.

Por exemplo, unha empresa ten unha necesidade dun servizo ou produto, e o centro ofrecella?

Claro. O mercado e a empresa son moi móbiles, o centro pretende dar resposta áxil a todos estes cambios. No centro ubicarase a investigación e desde aquí transfírese o coñecemento e trasládase ás empresas. 

Hai empresas interesadas?

Si, moito. Existen arredor de 500 empresas con programas de FP Dual en Galicia. A implicación das empresas na FP é cada vez máis grande, saben que a FP ten resposta áxil ás súas necesidades. O feito de que o centro se sitúe en Ourense, cando este proxecto estaba vinculado nun inicio a Vigo, é importante. A capacidade de liderado do presidente da Deputación, que reuniu ao tecido empresarial, foi clave. O centro vai supoñer un antes e un despois na investigación e na FP: tódolos cambios da FP en Galicia van a pasar por Ourense.

As empresas ourensás mostran interese ou hai que animalas?

O interese do tecido empresarial existe, ademais é unha provincia con sectores produtivos, moitos enfocados ao sector primario, que están moi necesitados de innovación. É fundamental investigar en innovación para desenvolver os motores económicos nas nosas comarcas. No Ribeiro, por exemplo, o viño é fundamental. A investigación cos procesos produtivos do viño para abaratar custes e colocar o produto no mercado pode conseguirse con este centro. O Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros vai supoñer un antes e un despois para todos os sectores produtivos da provincia, porque van ter unha ferramenta para trasladar as súas necesidades e que o centro investigue para darlles resposta.

Que outras áreas ourensás pode investigar o centro?

Todo o que ten que ver co sector primario, tamén a automoción, a tecnoloxía, impresión 3D, realidade virtual… A propia filosofía do centro é moi aberta.

Quen vai investigar? Profesores?
Profesorado e profesionais cualificados para desenvolvemento de proxectos, pero tamén estarán presentes os departamentos de innovación das empresas e incluso alumnos.

Hai 500 empresas vinculadas a FP Dual. Entón, podería dicirse que este centro pode aportar solucións a esas 500? Se o solicitan.

Si, as que o soliciten. As que forman parte da FP dual xa coñecen o proxecto e están moi interesadas. Isto tamén vai permitir que empresas que non deron o paso de meterse nestes programas, o dean.

Faltan perfís técnicos no mercado. Será un revulsivo?

Si. Tradicionalmente, Galicia e Ourense caracterizábanse por ser territorios nos que se producía man de obra non cualificada. O que se fai con este centro é rachar con eses mitos e converter a Ourense nun lugar onde se produce man de obra moi cualificada e enfocada a sectores produtivos de vangarda.

Que vai supoñer para Ourense?

Un antes e un despois, vai modificar radicalmente a evolución dos sectores produtivos na provincia. Imos ter un polo de investigación, os investigadores van estar en Ourense e, en moitos casos, o coñecemento transferirase a empresas ourensás. Sitúanos á vangarda. 

Que falta para que se inaugure?
A obra está practicamente rematada e estamos pendentes da definición das liñas de traballo e do equipamento. Por poñer un horizonte factible, setembro. Teremos unha reunión de traballo, hai empresas que xa manifestan certa urxencia para poñer a andar certos proxectos.

Te puede interesar