É posible asegurar que a maioría dos comercios máis antigos da cidade foron legados de pais a fillos e de tíos a sobriños. A familiaridade coa que se transmiten é o que lles aporta ese 'algo' que tanto custa conseguir.

A herdanza está tralo escaparate

Os comercios forman parte da vida dunha cidade. E non só no aspecto económico, que en lugares como Ourense é fundamental, senón tamén no día a día, nas relacións entre os veciños e incluso no transcorrer da vida. 'A miña tenda, moitas veces, en vez de parecer un comercio, parece un lugar de tertulia'. Son palabras de Mari Luz Rodríguez, propietaria xunto ó seu home, Castor, da Filatelia e Numismática Álvarez. Alí, dende a rúa Progreso, levan 26 anos vendo o tránsito dos ourensáns. Antes tamén observaban o transcorrer da cidade, pero dende a rúa Jesús Soria.
É que cando un comercio leva tantos anos de actividade o normal e lóxico é que a clientela sexa fixa, por iso os clientes acaban por se converter en amigos. Acontécelle o mesmo a Confecciones Pilar. Especializadas en roupa de señora, 'ó mellor xa son cen anos' os que levan vendendo dende os baixos do Bispado.

No caso da xoiería El Cronómetro as orixes están algo máis claras. A terceira xeración, que é a que hoxe rexenta o establecemento, recorda que foi o avó, emigrado en Cuba, quen abriu a tenda. 'Parece que os negocios lle foron ben alí', recorda o seu neto Odilo Fernández. Por iso, voltou a Ourense para en 1928 continuar o proxecto que comezara na illa caribeña. Ó principio eran só reloxos, pero pouco a pouco foron ampliando o negocio para acabar por especializarse na xemoloxía. Os reloxos que eles mesmos montaban foron codiciados na cidade ata o punto que aínda hoxe hai ourensáns que levan os dos seus antepasados a arranxar.

O mesmo ocorreu con Carmen Fernández que, na rúa das Tendas e ata fai uns días, sacou puntillas, botóns ou o que o cliente lle pedía, dende que hai 72 anos comezara a traballar coa súa tía na mercería As Dúas Irmás. Quedou coa tenda, porque lle encanta o que fai. 'Se un labor me gusta, o outro aínda me gusta máis', comentaba Carmen, quen amiudo recordaba os tempos nos que 'había cola' para entrar á súa tenda porque calcetaban 'patucos e roupa de bebé ata pola noite'.

Francisco Fernández e o seu irmán herdaron do seu pai, tamén Fernández, os segredos da sastería e un comercio que hoxe pasa por ser un referente nas vestimentas dos cabaleiros ourensáns, Fernández-2. Os tempos hoxe non están tan bos para ninguén. Tampouco para os donos de todos estes establecementos, así o din eles; pero ser un 'dos de sempre' no comercio local axuda a que os clientes non perdan o costume de achegarse onde Mari Luz, Pilar, Odilo, Carmen ou Francisco.

Hai outros, como a coñecida Sombrerería, rexentada hoxe pola cuarta xeración. Conta María Antonia Pachón, actual dependenta, que foi aberta no ano 1916 e que, coma ela, quedan xa só en Lugo e Compostela. Houbo un tempo no que os sombreiros decaeron, pero as modas mandan e a mocedade volve caer no costume de levar a cabeza tapada. Sexa como fora, todas estas tendas son exemplo manifesto de como unha familia deixa un legado económico que se instala no maxín colectivo da cidade para, paseniñamente, pasar a formar parte da historia de Ourense.

(A casualidade, a mala casualidade, fixo coincidir esta conversa co día en que faleceu Carmen Fernández. Sirva, pois, esta reportaxe para homenaxear os máis de 70 anos nos que, dende detrás do mostrador, ofreceu un sorriso a cantos se achegaron onda ela).

Te puede interesar