A vivenda ten 105 metros cadrados e a asociación, Agromadas, pensa iniciar xa os trámites para a súa reforma

Os herdeiros dun emigrante doan unha casa para local dos veciños de Seixalbo

Seara (Agromadas), primeira pola dereita, cos herdeiros.
A asociación cultural Agromadas de Seixalbo xa ten casa propia. Trátase dunha vivenda na rúa Abelardo Arce número 25, que foi doada polos herdeiros de César Iglesias Freire.
A doazón coincidiu coa celebración do centenario da empresa que leva o nome na República Dominicana do que fora veciño de Seixalbo. Para a asociación cultural, este feito 'permítenos como entidade acceder a un local sen estar sometida á precariedade de estar sempre en locais nos que non temos a propiedade e non podemos actuar libremente', sinala Manuel Herminio Iglesias, presidente da agrupación.

Unha vez oficializada a doazón -unha integrante da asociación viaxou á República Dominicana para asinar o documento cos herdeiros da propiedade- a asociación pensa xa na restauración da vivenda, que ten unha superficie útil de 105 metros cadrados.

Para iso, buscará axudas de organismos oficiais, os socios e os veciños da localidade que queiran participar desta iniciativa.

A agrupación
A asociación cultural Agromadas, que foi fundada en 1987 por Anselmo Iglesias, ten como obxectivo principal a promoción da cultura en xeral e especialmente da galega, Aínda que na súa orixe naceu como unha asociación coral, a partires de 2001 ampliou o seu abano de actuacións a outros aspectos que non están vencellados co eido musical. Así, ten editado varios libros sobre a historia, a música, a etnografía e mesmo a toponimia de Seixalbo e é a artífice da recuperación da festa histórica dos Foros, así como a posta en marcha do premio Freire Carril en defensa das cuestións públicas e o traballo altruísta nos diferentes campos sociais e culturais. Na actualidade conta con 98 socios, que en breve poderán participar das actividades da asociación na nova sé, obtida grazas á doazón efectuada polos herdeiros dun seixalbés que marchou para América, no século XIX.

Gran empresa na República Dominicana

César Iglesias Freire naceu en Seixalbo en 1876 e finou na República Dominicana en 1944. Marchou para América ó alistarse para a guerra de Cuba. Un mes despois de chegar á illa, España perdeu a guerra dándolle a oportunidade ós soldados de quedar ou voltar á península. Iglesias Freire optou por quedar e traballou nunha empresa de xabóns rexentada por un galego. Tras ascender nesta empresa, en 1910 ergue a primeira nave en San Pedro de Macarís do que sería o seu propio negocio. Empezou fabricando candeas e xabóns a través de sebo animal. Hoxe fabrica múltiples productos de consumo (aceites, deterxentes...) e nela traballan 1.470 persoas.

Te puede interesar