O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense abriu as súas portas despois de dez anos para celebrar o Día dos Museos e ofrecerlles ós ourensáns a posibilidade de coñecer de primeira man o estado dunhas obras sen fin.

A historia do Museo interminable

Os visitantes foron descubrindo as diferentes estancias (Foto: José Paz)
Pasou unha década e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense segue pechado. A de onte foi unha excepción para conmemorar que, dende 1977, o 18 de maio é o Día Internacional dos Museos. Por iso, o recinto, que continúa en obras dende 2002, abriu para ofrecer unha visita guiada explicando as fases de construcción do edificio e o estado actual das escavacións. A ela acudiron socios do Ateneo e alumnos do ciclo de Guía, Información e Asistencia Turística da Farixa.
Na entrada foron recibidos polo director do museo, Xulio Rodríguez, que saludou ós visitantes cunha explicación de por que a celebración da xornada. 'Desgraciadamente, levamos moito tempo fóra deste edificio', continuou. Preguntado máis tarde sobre os avances nas obras e a futura volta do Museo Arqueolóxico ó espacio de seu asegurou que 'estase traballando pero, de momento, non hai novidades'. Deste xeito, non parece que vaia concluir o tempo que pasou xa dende que os traballadores colleran rumbo a Santa María Europa e parte da colección fixera o mesmo cara o claustro de San Francisco, senón que continúan con moita lentitude, a verdade, as obras de rehabilitación -dependentes do Ministerio de Cultura-, iniciadas en 2002 e que tiñan que estar concluidas un ano máis tarde; é dicir, hai nove. Hoxe, a maior parte do percorrido hai que facelo aínda por pasarelas temporais de madeira.

A visita de onte transcorreu, en calquera caso, allea a esta problemática e os participantes descubriron, nalgúns casos con asombro, os segredos que garda por baixo o Pazo Episcopal. A primeira parada foi diante dunha presentación na que un dos directores dos traballos no edificio, Manuel Xusto Rodríguez, analizou as fases de construcción dunha das poucas mostras de arquitectura civil que o románico deixou en Galicia e incluso España e considerado como Monumento Histórico Artístico dende 1931.

Segundo relatou o colaborador do museo Avelino Rodríguez momentos despois, o Bispado vendeu o edificio 'porque precisaba fondos para rematar o Seminario Maior'. En 1951 foi o Estado quen o mercou para albergar nel os fondos que hoxe non poden aínda volver ocupalo. Foi precisamente Avelino Rodríguez quen conduciu ós visitantes pola segunda parte da xornada: unha visión in situ do que Manuel Xusto Rodríguez acababa de explicar con imaxes.

Dende os restos romanos ata os románicos, pasando polos góticos e as tumbas das diferentes etapas, a historia do Museo Arqueolóxico comezou cunha inscripción descuberta por Xesús Ferro Couselo. O lintel fundacional, esculpido en 1131, dá boa mostra dos 881 anos de historia que o preceden. Algún dos asistentes, dos máis atentos ás explicacións, comentáballe ós seus acompañantes: 'Ai, se estas pedras falaran...'.

Te puede interesar