Homenaxe ós comercios, aínda abertos, que se anunciaron nas páxinas da revista

Gómez Villar xunto ós comerciantes homenaxeados (Foto: M.A.)
O órgao de expresión da Xeración Nós non houbese prosperado sen o esforzo económico que os comercios da cidade fixeron por aquel entón para anunciarse nas páxinas da revista. Unha publicidade que, ademáis, foi pioneira ó rachar cos moldes establecidos para guindar as súas mensaxes en lingua galega.
Entre os negocios que confiaron a súa publicidade á revista Nós nas primeiras décadas do século pasado, aínda hai catro deles que manteñen a actividade comercial. Por elo, a Federación de Comercio de Ourense participou tamén nos actos institucionais para render unha sentida homenaxe ós herdeiros de Casa dos Lentes; Schreck Fotógrafo; Villar Foto e O Cronómetro, que continúan case cen anos despois coa empresa familiar.

'Fai 80 ou 90 anos xa descubriron a importancia que ten a publicidade, o darse a coñecer e saír do propio establecemento', apuntou Aurelio Gómez Villar, presidente da Federación de Comercio de Ourense. Asemade, Gómez Villar referiuse a estes comerciantes como o 'exemplo no que nos debemos mirar todos os que nos dedicamos a este sector, pois o paso dos anos non fixo que pechasen'.

En representación da comisión artellada para organizalo centenario de Nós, Xosé Lois Carrión, destacou a contribución á cultura galega destes e de tantos outros comercios locais, xa que 'anunciarse en galego é un xeito máis de facer país porque beneficia á sociedade '.

Te puede interesar