Homenaxe con selo ourensán para a "historia épica" de Carvalho Calero

O ourensán Aser Álvarez dirixe Arraianos Producións, equipo que realizou os documentais "De Carballo a Carvalho" e "Carvalho Calero sem fronteiras

O ourensán Aser Álvarez dirixe Arraianos Producións, equipo que realizou os documentais "De Carballo a Carvalho" e "Carvalho Calero sem fronteiras", para homenaxealo durante este ano 2020 adicado á súa figura. O proxecto complétase con "Algunha palabra para Don Ricardo", onde distintas personalidades conformaron uha definición coral de Calero, e un libro- CD que inclúe fotobiografía e a música de Moisés Quintas.

Carvalho foi novelista, ensaísta, filólogo, poeta... Álvarez considera que "é anormal que tardaran tanto tempo en adicarlle as Letras Galegas, pero, a pesar da pandemia, leváronse a cabo maís iniciativas e actividades arredor da figura de Calero que a moitos homenaxeados doutros anos. E isto ocorre porque a súa obra é inabarcable, insondable". 

O seu desexo é "que a xente coñeza a historia deste home, que estivo preso e represaliado e a pesar diso foi o primeiro en moitísimas cousas: en escribir unha novela en galego despois da guerra, en ser catedrático en Lingua e Literatura Galegas pola USC, en facer unha gramática científica da nosa lingua... Sempre estivo na vangarda. Parece que viviu varias vidas en lugar de unha, e o seu compromiso manteuse intacto a pesar dos paus que sufriu", engade. As circunstancias non o pararon porque "foi un home infatigable. A súa é unha historia épica, de resistencia. A pesar de ter levado tanta labazada, sempre se ergueu de novo e nos convidou cos seus escritos a esperar contra toda esperanza". 

Recoñece Álvarez que "sen decatarnos, mimetizámonos co propio personaxe, porque neste proxecto audiovisual non quixemos falar para eruditos senón para a xente nova, coa que Calero tiña especial vocación". De feito, celebra Álvarez, o autor ferrolán  "convertiu o colexio Fingou nunha illa de innovación educativa dentro dun país en ditadura". 

Te puede interesar