ENTREVISTA

"É hora de antepoñer os intereses do concello a intereses partidistas ou afinidades persoais"

Álvaro Vila Taboadela
photo_camera Álvaro Vila Araújo, diante do Concello. (MARTIÑO PINAL)

Álvaro Vila intentará por terceira vez conquerir a alcaldía de Taboadela coas siglas do PSOE.

Agora xa sen Manuel Gallego como rival. Será a vencida? "Ilusión non vai faltar, queremos poñer en práctica as medidas propostas estes anos". E deixa mensaxes sobre pactos: "Se se dan circunstancias para ter alternativa sería inexplicable que non se levase a cabo".  

Como está Taboadela?

Politicamente, non está, é só un servizo administrativo. Desaparece a corporación e ninguén a botaría en falta. Hai xestión de chapa e pintura pero non hai unha xestión política. 

Hai un problema grande co urbanismo, por iso queremos implantar o urbanismo activo. O Concello ten que facilitar, non poñer trabas. Poñeremos a unha persoa centrada en buscar proxectos innovadores, queremos saír da simple función administrativa e buscar grandes proxectos. Tamén hai que embelecer as aldeas, poñer en valor os espazos públicos e rehabilitar o patrimonio etnográfico. Unha aposta son as exencións fiscais poida asentarse. 

Non é un problema para as finanzas municipais baixar impostos?

Hai demanda de aluguer no municipio, hai casas antigas e o Concello ten que incentivar a reforma. O orzamento é de 1,2 millóns, e o imposto de construcións é de 8.000 euros. É insignificante esa partida, e rebaixalo serviría de competencia cos outros concellos ante o problema demográfico. Pero para o PP nin hai un problema demográfico. 

Que se pode mellorar nas aldeas?

O transporte é un problema . Queremos implantar un transporte interior entre parroquias conectado co regular, para que a xente poida moverse. Tamén é necesaria unha eficiencia do gasto público. O remanente pode medrar un 20% con aforro no alumeado, e xa non digamos coa depuradora, que é un despropósito...Pero, sen dúbida, unha das grandes necesidades é poñer en valor o Val da Rabeda. Non se pode permitir ter un millón de metros cadrados parados. 

E como se pode xerar emprego?

Só hai unha gran empresa, con 100 traballadores, e tivo trabas para instalarse. No Plan de Urbanismo non se contempla solo comercial. No Polígono de San Cibrao fixeron máis solo comercial, por que aquí non? Temos o apeadeiro de tren que os empresarios do polígono reclaman como estación de mercancías  e o novo enlace da A-52 pasa ao seu carón. Temos unha gran oportunidade a nivel de comunicacións. 

Que lle diría aos que levan toda a vida votando a Manuel Gallego?

Que pensen en Taboadela. Entendo que teñan afinidade co este alcalde. A xente criouse e viviu con el, pero é o momento de antepoñer os intereses do Concello sobre os intereses partidistas e persoais. Hai que apostar por un proxecto novo que dea un valor significativo ao Concello e que sexa capaz de asentar poboación e dar resposta ás necesidade. 

Te puede interesar