CULTURA

A ICC Week aposta pola creatividade do humor

As vangardas culturais cítanse en Ourense entre o 2 e o 5 de maio 

Prepárase a cuarta edición da Ourense ICC Week, o marco das industrias culturais e creativas da cidade, que organiza anualmente a Deputación de Ourense e que se celebrará do 2 ao 5 de maio. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar e os coordinadores do proxecto, Juan Rivas e Manuel Aráujo, presentaron onte no Marcos Valcárcel un avance do programa. O presidente do goberno provincial destacou que este evento xa consolidado "posiciona a provincia de Ourense como punto de encontro e referencia no ámbito da vangarda e a creatividade".

Entre as novidades da programación prevista para esta edición destaca a temática do humor como industria cultural e creativa, entorno á cal se desenvolverá unha mesa redonda baixo o título "Humor e creatividade, a parella perfecta". Estarán presentes Manuel de Lorenzo como moderador, e intervirán Juan Ramón Bonet, presentador do programa "¡Boom!", Raquel Córcoles, creadora de Moderna de Pueblo e Alberto Casado e Rober Bodegas, referentes da comedia online en "Solocomedia".Ambos serán os encargados de pechar o programa da ICC Week co seu espectáculo "Pantomima Full". "Sketches de entre cinco e dez minutos nos que se parodian situacións da vida cotiá e temas de actualidade", explicou Manuel Araújo. O espectáculo terá lugar o sábado 5 de maio, as 20,00 horas, no Teatro Principal e as entradas xa están a venta en ataquilla.com e na web do Teatro Principal, cun custe anticipado de 15 euros. 

A imaxe escollida para esta cuarta edición da ICC Week é o xacemento de petroglifos de Punxín. "Está vencellada coa historia e coa arte rupestre, que fala da creatividade dos nosos antepasados na nosa provincia", dixo Manuel Baltar. Na mesma liña, Juan Rivas subliñou que os petroglifos "son un reflexo da capacidade intelectual da humanidade". 

Manuel Baltar destacou a innovación que supón a Ourense ICC Week, "unha plataforma de debate, comunicación e posta en común das vangardas nas diferentes áreas da creatividade". Os actos da ICC Week que se celebren na cidade terán lugar no centro cultural Marcos Valcárcel, o Teatro Principal e o Liceo de Ourense. A axenda do proxecto tamén inclúe citas noutros puntos da provincia, que terán como localizacións o mosteiro de san Pedro de Rocas, no que se celebrará un seminario sobre arte rupestre, o mosteiro de San Clodio e a Casa Museo de Otero Pedrayo, en Trasalba.

Te puede interesar