A ineludible lúa chea da Semana Santa

Recreación dunha procesión baixo a lúa chea.
photo_camera Recreación dunha procesión baixo a lúa chea.

O tempo, segundo o concepto que temos del en Occidente, mundo ao que culturalmente pertencemos, non se repite. Ten inequivocamente un principio e un fin, como unha metáfora da vida. Ao contrario que ocorre noutras culturas, incluso noutras épocas da historia, non é cíclico, se non lineal. Sen embargo, ese mesmo tempo tamén o fragmentamos e o revivimos periodicamente cando o desligamos das medicións físicas. Cando o dividimos en anos, días, minutos e horas, e o ritualizamos, como se -utilizando o título da célebre obra do etnólogo Miercea Eliade-, andásemos na busca do “eterno retorno”, unha cíclica e interminable volta atrás que nos produce certezas, unha sensación de permanencia vital. Quizais por iso celebramos aniversarios, cabos de ano, Nadal, Día da Constitución, e outras festas de carácter civil e relixioso, que se repiten ano tras ano. Pero non todas as celebracións, incluso as esenciais no universo das crenzas relixiosas, son fixas no calendario civil. E unha delas é a Semana Santa, cuxa celebración a Igrexa condiciona ao ciclo da lúa, ao mundo astral. 

Semanas atrás, preguntábame o meu fillo, que está rematando os estudos universitarios en Madrid, “cando caía” a Semana Santa este ano para pasala con nós. É lóxico, porque tal celebración é das poucas festas relixiosas móbiles que se dan no ciclo litúrxico, é dicir, que vai variando con respecto ao calendario civil. Eu, dotando á veracidade de retranca, en vez de facilitarlle as datas deste ano, díxenlle moi transcendente: “comproba cando é a primeira lúa chea inmediatamente despois do equinoccio de primavera. O domingo seguinte é o de Resurrección”. Miroume calado, como se en vez de eu, lle falara un mago, un chamán. Aínda que sorprendido, fíxolle gracia a miña resposta. E iso que ben coñece o meu peculiar sentido do humor. Para comprobar a data, collan o calendario e fagan a proba. Neste 2022 o equinoccio de primavera,que marca o inicio da estación no hemisferio norte, segundo o Observatorio Astronómico Nacional, tivo lugar o 20 de marzo, ás 16:33 da tarde. Miren agora as fases da lúa. O próximo plenilunio será o 16 de abril, un sábado. Polo tanto, o domingo de Pascua -ou de Resurrección- será o domingo seguinte da lúa chea, é dicir, o 17. Agora, para situar o entroido, só teñen ir ao Domingo de Ramos, 10 de abril, e contando corenta días cara atrás, a Coresma, chegarán ao 2 de marzo, o Mércores de Cinza. Son dúas festas móbiles, o Entroido e a Semana Santa, cuxa conmemoración a Igrexa condiciona a un plenilunio. O costume, que celebra o día esencial da crenza cristiá -unha resurrección sobrenatural- ten orixe na Pascua Xudía. Esta, que lle chamamos así para diferenciala da cristiá, comeza no seu 14 del mes de Nisán, que por regra xeral coincide entre os nosos marzo e abril, e dáse por iniciado a noite de lúa chea despois do equinoccio.   

En todo caso, o feito de que este acontecemento relixioso cristián se faga coincidir cun tempo de plenilunio, parece que tivera a intención de conmemorar o seu evento clave e fulcral, nada menos que unha resurrección, no mesmo tempo físico que se produce un fenómeno de orde cósmica, a plenitude da lúa e os primeiros días da primavera.  

Te puede interesar