Informática terá un novo laboratorio de investigación

photo_camera Manuel Baltar e Manuel Reigosa, na sinatura do convenio.
A Deputación cederá equipamento ao Campus para este espazo de experimentación e prototipado.

O Campus terá un laboratorio de experimentación e prototipado na Escola Superior de Enxeñería Informática, froito da colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo, a través dun convenio que se enmarca nun proxecto europeo. A institución provincial cederá equipamento á Escola para potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación en eidos como o internet das cousas, buscando favorecer a súa posterior aplicación en pequenas e medianas empresas de contornas menos urbanas e zonas transfronteirizas. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, felicitouse por un acordo que permite demostrar “a nosa especial habilidade para captar fondos europeos”, engadindo que con estes equipos “vanse fortalecer os bos resultados que estamos acostumados a conseguir durante estes anos”. Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, agradeceu unha colaboración que permitirá consolidar o crecemento dos estudos de Enxeñería Informática, que coa incorporación da intelixencia artificial “será un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia. O convenio enmárcase no proxecto Nova TFE sobre novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías, dentro do programa comunitario Interreg, cofinanciado con fondos Feder e no que ambas institucións actúan de socias xunto outras entidades.

 Baltar afirmou que  “reforza a alianza que sempre mantivemos coa Universidade de Vigo, estando ao carón do noso campus que é o mesmo que dicir ao carón do talento”, engadindo que co equipamento que se vai ceder a Informática “estamos seguros de que no futuro se fortalecerán os bos resultados que estamos acostumados a conseguir estes anos”.

“Estes equipos que achega a Deputación van permitir alcanzar niveis máis altos de calidade no Campus”, destacou Reigosa, que  anunciou que “o ano que vén imos ter o primeiro curso e o mestrado de intelixencia artificial, un elemento tractor de talento moi importante para cidade e provincia”.

Robótica, “Smart Lab” e “Smart city”, no proxecto

O convenio asinado ten como finalidade a cesión de equipos para a instalación dun laboratorio de experimentación e prototipado, vinculados ao proxecto “Novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías facilitadoras esenciais”, aprobado no marco da segunda convocatoria do programa Interreg España-Portugal. O equipamento correspóndese con tres aspectos: laboratorio de fabricación e robótica; kits de desenvolvemento Smart Lab; e posta en marcha dunha plataforma Smart City. A finalidade do programa é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nas actividades de I+D+I máis próximas ao mercado. O proxecto facilitará que a investigación aplicada relacionada co internet das cousas e a fabricación avanzada, sexan trasladadas ás pemes asentadas en contornas menos urbanas e nos sectores máis relevantes das zonas transfronteirizas.

Te puede interesar