A Xerencia explica que só recorda aos profesionais que hai que comunicar o centro' e non 'pedir permiso' para facer declaracións

Un informe xurídico do colectivo médico ourensán vincula a calidade da sanidade coa denuncia de irregularidades

Interior do Hospital Santa María Nai
O Colexio Oficial de Médicos de Ourense pediu un informe ao seu gabinete xurídico sobre as normas enviadas por correo electrónico pola Xerencia ourensana, no que se conclúe que a calidade do servizo dispensado ao cidadán 'vai intimamente ligada ás denuncias públicas de anomalías e irregularidades tanto no funcionamento de cada servizo coma nas condicións laborais'.
O escrito xurídico, analiza o enviado e asinado pola xerente ourensana, Eloína Núñez Masid, no que se explicou hai uns días ao colectivo sanitario, que a demanda informativa de calquera medio de comunicación 'debe pasar polo Servizo de Comunicación e contar coa debida autorización da Dirección, cando a resposta a esa demanda se dea en horario laboral ou obrigue a ausentarse do posto de traballo'.

Tamén segundo recolle o escrito de Xerencia, por 'deferencia institucional', a atención aos medios de comunicación que se produza fose do horario laboral, pero implique a difusión de información 'debe poñerse en coñecemento do Servizo de Comunicación ou da Dirección con antelación'.

En concreto, nunha nota de prensa, o Colexio Oficial de Médicos considera 'inaceptable' o escrito enviado os profesionais dende Xerencia, pois 'a obriga que quere impoñer de autorización previa para expoñer publicamente unha opinión individual ou colectiva, vai en contra do dereito á libre expresión dos individuos', así que, segundo o escrito, a redacción desa norma 'non se atén á legalidade'.

A nota informativa alude ao estudio xurídico para argumentar a súa crítica e cualifica o escrito de Xerencia como sinal 'equivocado e negativa' para a necesaria colaboración entre os profesionais da sanidade pública e os seus xestores 'máxime nestes tempos críticos para o Sistema Nacional de Saúde', e dá a entender unha concepción 'desconfiada e autoritaria' da Xerencia sobre o seu labor.

LIBERDADE DE EXPRESIÓN
O informe xurídico alude ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos e ao artigo 20 da Constitución Española para explicar o dereito á liberdade de expresión e a súa posible limitación no escrito da Xerencia.

Segundo o equipo xurídico, a Administración Pública, igual que a empresa privada, require certa harmonización entre o respecto ao prestixio das institucións públicas e a liberdade de expresión por parte dos funcionarios, pois estes teñen un deber de lealdade, reserva e discreción 'se ben é certo que esta ponderación debe examinarse en cada caso'.

Concreta tamén que no caso da información que non sexa sobre datos protexidos e historiais clínicos, 'existe unha ampla marxe á liberdade de expresión e información, para divulgar o defectuoso funcionamento das Administracións e servizos públicos, por parte do funcionario, segundo o Tribunal Constitucional'.

Nese sentido, indica o escrito xurídico que a información ao público ou aos medios de comunicación 'case sempre' se produce naqueles casos en que os superiores xerárquicos manteñen unha situación irregular, ou fixeron caso omiso das reclamacións que pedían o cesamento da irregularidade polo que 'a información ao público está debidamente xustificada'.

O letrado do Colexio Oficial de Médicos considera que a institución non a vai dan por informacións que denuncian unha irregularidade senón máis ben, todo o contrario 'xa que as denuncias contribúen a evitar irregularidades nos servizos de saúde'.

RESPOSTA
Pola súa banda, a Xerencia emitiu unha nota na que indica que a norma explicada no escrito que desencadeou resposta e informe xurídico, se dirixe 'exclusivamente' ao persoal facultativo e 'en ningún caso' aos labores sindicais ou de control.

Así, este luns a Xerencia explicou que a primeira carta enviada aos xefes de servizos sanitarios, só recorda que hai que comunicar ao centro' e non 'pedir permiso' para facer declaracións aos medios de comunicación con datos de estudios ou proxectos 'e así atendelos mellor a todos'.

'Isto non afecta en ningún caso, ás declaracións a título individual de datos públicos ou opinións que, resta dicilo, son patrimonio de cada un, como corresponden a un estado de dereito,' conclúe.

Te puede interesar