Provincia

O Inorde e a Xunta colaboran no impulso do sector turístico

Promocionaranse eventos como a Galdiator Race Vía Nova, en Muíños, ou o Trail do Xurés

A Xunta de Galicia formalizou este sábado, día 1 de maio, un convenio de colaboración por valor de 52.000 euros co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este investimento por parte da Xunta inclúe o respaldo á promoción dos recursos turísticos da comunidade galega e a provincia ourensá no Campionato de Europa Junior de Rallies previsto para mediados de xullo, se a situación sanitaria o permite; na cuarta edición da Gladiator Race Vía Nova, en Muíños; na primeira proba de obstáculos nocturna en España, ou no Trail do Xurés, así como nos distintos eventos vencellados ao ciclismo e aos deportes náuticos na provincia.

Do mesmo xeito, promocionaranse actos relacionados co remo, a vela ou o piragüismo co obxectivo de potenciar o destino para o adestramento de equipos internacionais na contorna de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño. O vicepresidente primeiro da Administración Autonómica, Alfonso Rueda, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, materializaron este convenio que pretende dar a coñecer Galicia a través do deporte. A Xunta apostará por presentar Galicia como un destino de calidade e sustentable cunha oferta competitiva que contribúe á desestacionalización do sector turístico.

Apoio ao proxecto Ourense Termal promovido pola Deputación

A Xunta de Galicia amosou o seu apoio ao proxecto Ourense Termal da Deputación ourensá pola súa contribución a un turismo sostible acorde co modelo turístico de Galicia, polo que solicitou recentemente á Secretaría de Estado de Turismo a súa inclusión nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino deste ano. Alfonso Rueda destacou a variedade de recursos turísticos da provincia neste senso, así como no enoturismo ou na gastronomía.

Te puede interesar