Arte et Alia

Instalación artística no xardín do Campus de Santi Barreiros e Nito Contreras (+)

Pormenor da mostra.
photo_camera Pormenor da mostra.

Overtaz, fulcral proxecto de escultura e fotografía, na que se comparten as creacións coa natureza, pezas instaladas nas sendas que atravesan o Campus Norte dende os piares de entrada, e a lagoa, até o edificio de enxeñaría informática. Unha exposición distinta, para o desfrute da xente da universidade e visitantes, instalación delicada e respectuosa, lonxe das rechamantes formas do Land Art que gusta de transformar o espazo, e máis na liña do activismo ecolóxico da Arte na Natureza, aínda que de xeito tanxencial, pois o seu é outra cousa, dándolle un plus de ornamento ao espazo público dende elaborados conceptos filosóficos e poéticos. Un “crear puntos de interese visual que ofrezan a posibilidade de ‘outro’ diálogo co espectador”, dixo Barreiros na presentación. Así a peza coa fachada dun rañaceos neoiorquino que remata nunha pequena fiestra que lembra os observatorios dos paxaros na natureza. Ou a complexidade da instalación das pezas-lámina con chimpancés, penduradas dunha arbore, que se completa co libro aberto dentro dunha caixa de metacrilato, que ten unha ilustración dun ser mariño cun simio, todo elo en relación coa teoría da evolución humana. O monólito dentro da auga, coa xiringa que contamina dun lado, máis doutro extrae e restaura, é unha proposta activa. E a dicotomía das esculturas-disco contrapoñendo o mundo dos libros cun rosetón gótico, a igrexa, ambos con forma de tondo florentino renacentista.

Achámonos ante un plan de fondo alento entre os creativos amici concibido para ser colocado en exteriores en variados formatos escultóricos recubertos de fotos, que iniciou o seu camiño o verán pasado no exterior das Casas do Retratista, na Pontenova, un complexo rural na Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón na Mariña lucense. É, pois así agora Overtaz, un sumatorio en continuum, con algunhas daquelas obras e outras novas, tal os cilindros asimétricos. Mais os primeiros pasos foron con Naturalmente na Galería Visol, 2012, para comezar a espallarse polo exterior na Fundación Vicente Risco, en Allariz, 2014, en De lo efímero a lo eterno, exposición que chegaba até o patio.

Deixa que corra o vento

Era esta unha frase de Nito, como lembrou Santi na inauguración a propósito duns refachos de vento diante da Onda, icónica obra que acompaña aos artistas dende a Visol coas fotos da praia dos cristais de Laxe. Daquela o escultor convalecía dunha operación de corazón en Vigo, onde morrería ao día seguinte. Benito Vázquez Contreras, Cartelle, 1947/Vigo 2023,. estudou no seminario ata marchar a Roma onde acadou na Angelicum, a Pontificia Università di San Tommaso, a Laurea in estetica e in filosofía cun magna laurea. Para seguir camiño na arte. Mais primeiro e ante todo deixara ronsel na música en Galicia en 1969 co grupo Folk Cantigas, pioneiro en galego con cancións e letras súas, e debut no patio medieval do Museo Arqueolóxico diante de Ferro Couselo, Blanco Amor, Casares, López Cid e outros. Regresou para expoñer no CCMV en 2010, amosando a súa idea da arte o cartaz da feira do viño do Ribeiro en 2011 en dous acaídos planos coa vila e bisbarra separados polo Avia. Agora navega tocando o azul que lle fala quedo ao ouvido que fuxe da sombra dos seus ollos.

Te puede interesar