entrevista

"A investigación é coma unha biblioteca para a sociedade. Non ten que ter efectos inmediatos"

David Fernández Calviño, no Edificio Politécnico (MARTIÑO PINAL).
photo_camera David Fernández Calviño, no Edificio Politécnico (MARTIÑO PINAL).

David Fernández Calviño está inmerso noutra aventura, a de ser coordinador dun proxecto a nivel europeo sobre o solo, SoildiverAgro, onde colaboran socios de sete países

No 2000, David Fernández Calviño (Puga, Toén, 1979) comezou a súa tese de doutoramento sobre a afectación do uso de cobre no solo dos viñedos. Oito anos máis tarde, publicouna, pero non tivo gran repercusión. "No 2015, como o tema púxose de moda e xurdiu preocupación no sector, comezáronme a chamar e comezaron a usar os datos que nós tomáramos máis dunha década antes", explica. Ese é o coñecemento científico, unha "biblioteca" na que a sociedade pode buscar como solucionar novos problemas –xa investigados por alguén– ou como evitar cometer erros. O tempo, no sector científico, mídese doutro xeito. Agora, Calviño está inmerso noutra aventura, a de ser coordinador dun proxecto a nivel europeo sobre o solo, SoildiverAgro, onde colaboran socios de sete países (entre eles, o Inorde) e que conta cunha inversión de sete millóns de euros.

Cal é a semente deste proxecto?

No verán de hai dous anos conseguín un contrato Ramón y Cajal que che permite certa estabilidade na universidade. Como se lle está dando tanta importancia á captación de fondos europeos e como ía estar no primeiro ano de contrato, sentinme un pouco máis libre da presión habitual de publicar. No mes de setembro visitounos un colega que lidera un traballo relacionado co solo e animoume a solicitalo. A miña idea inicial era tratar de sumarme eu a outra solicitude, pero non atopei a ningúen e intentei coordinalo eu, coa súa axuda. Durante case un ano non me dediquei practicamente a outra cousa e ao presentalo... soou a flauta. 

En que punto está actualmente o proxecto?

Estamos coas cuestións administrativas, os proxectos europeos teñen iso, por eso ninguén quere coordinar, porque o coordinador leva a peor parte. Ademais estamos a facer unha pequena avaliación de cal é o estado da biodiversidade en solos adicados ao cultivo, é unha mostraxe por toda Europa. Temos que mostrear cultivos máis tradicionais e industrais e ecolóxicos para ver que diferencias hai entre uns e outros, o que nos vai servir de base para ver cal é situación.

En SoildiverAgro hai socios de sete países europeos.

Si, algunhas entidades que participan xa as coñecía eu, sempre partes dun grupo de contactos. Algúns atopeinos en páxinas de grupos que se ofrecen para participar en proxectos, noutros casos os propios socios eran os que ían buscando tamén...  Creamos un núcleo central do proxecto, formado por centros de investigación e universidades, e logo entidades de agricultores.A partir dos pequenos contactos vas creando o consorcio.

A investigación busca novas prácticas de cultivos?

Máis que novas prácticas, o proxecto é un RIA (siglas en inglés de Investigación e Innovación). É dicir, nós o que imos facer é tratar de aplicar técnicas xa coñecidas pero non moi extendidas a nivel práctico. E imos ver se esas prácticas teñen impacto na biodiversidade do solo probándoas no terreo. Buscamos dous impactos: solucionar certos problemas que existen na agricultura europea, coma a loita contra pragas ou as enfermidades, e comprobar si estas técnicas contribuén a incrementar a biodiversidade do solo. E tamén ao revés, se canta máis biodiversidade, menos enfermidades. 

Os agricultores tamén forman parte do proxecto. 

A Comisión Europea obriga a que teñas nos traballos un enfoque multiactor, é dicir, que os usuarios finais tamén formen parte do proxecto, no noso caso, os agricultores. Nós temos que facer recomendacións a partir dos resultados, se é que funcionan as prácticas que imos probar. A partir de aí, a administración debería telas en conta á hora de futuras modificacións da Política Agrícola Comunitaria (PAC), xusto para iso é que nos pagan a investigación. 

En Ourense traballan co Inorde.

No equipo de investigación da Facultade temos moita relación co Instituto Agrograndeiro do Inorde, levamos aos alumnos, compartimos información... No proxecto van aportarnos parcelas e contacto con agricultores da Limia. É o lugar de Galicia onde máis se cultiva pataca e trigo, e o proxecto estuda ambos e os seus problemas. Na Limia teñen moitos problemas coas enfermidades, sobre todo as asociadas a cultivar demasiadas veces no mesmo terreo o mesmo. Imos ver se somos capaces de introducir cultivos distintos que limpen o solo, utilizar fungos para protexer a planta... E imos valorar todo dende o punto de vista económico e social.

Faltaba ese nexo coa sociedade na investigación tracional?

Nas investigacións tradicionais, de publicar os resultados, aos científicos non lles interesa moito se iso chega a sociedade despois, normalmente. A Comisión detectouno e por iso quere que os proxectos integren aos usuarios finais e que integres á sociedade, pero a investigación básica, tradicional, non se pode perder. 

Que suporía?

Que se algún día hai un problema non hai onde ir a buscar información. A investigación básica é que ti xeras coñecemento onde non o había, aínda que non se teña que utilizar a curto prazo. Ao mellor a investigación acaba en nada ou se utiliza dentro de 100 anos, pero o mundo no que vivimos demanda resultados inmediatos. O coñecemento científico é como unha biblioteca para a sociedade, onde si algún día hai un problema pode ir atrás e dicir, mira, isto xa o investigou esta xente, houbo estes resultados, pódese utilizar. 

Vostede tamén é profesor do Campus de Ourense, como valora a súa situación?

O Campus ten unha serie de problemas importantes, sobre todo a nivel de espazos, de medios, de laboratorios… Inxeñiería Aerospacial debería ter un espazo propio, por exemplo. A nivel científico, probablemente a Facultade de Ciencias sexa a facultade con maior producción científica de toda a UVigo por profesor. Nos ránkings en tema de alimentación e agricultura está entre as mellores do mundo, e iso é algo a valorar, nun lugar como Ourense, apartado do mundo, tes unha das facultades con maior produción científica no ámbito agrario e alimentario, algo do que a sociedade ourensá se debería sentir orgullosa e coñece pouco. A administración debería valorar máis que o número de alumnos das carreiras, e poñer as condicións adecuadas, non vale a pena ter moitas carreiras se non invirtes neles.n

Te puede interesar