TRIBUNALES

O investigado polo lume dunha hectárea nos Blancos asegura que non era "consciente do perigo"

Segundo relatou este home, traballador da administración nos xulgados de Vigo, ese domingo 15 de outubro, cando acendeu un "pequeno lume" na leira familiar, non era "consciente do problema que podía supor"

O home detido o pasado 18 de outubro como presunto autor dun incendio dunha hectárea nunha leira familiar dos Blancos (Ourense), Miguel Ángel M.N., asegurou que non era "consciente do perigo" e que, cando acendeu un "pequeno lume" para asar chourizos non imaxinou que este se fora a descontrolar.

Así o manifestou, nunha entrevista a Radio Cerna, da Asociación Ecoloxista Adega, concedida poucas horas despois de saír do cárcere (após máis dun mes en prisión provisional e previo pago dunha fianza de 2.500 euros), a pasada semana.

Segundo relatou este home, traballador da administración nos xulgados de Vigo, ese domingo 15 de outubro, cando acendeu un "pequeno lume" na leira familiar, non era "consciente do problema que podía supor".

"Sabía que había seca, pero non era consciente do perigo que podía constituír ese fenómeno no mes de outubro", incidiu, e apostilou que "nunca" negou facer ese lume. "Eu estaba nunha `carballeira` que, de arder, o lume non é tan bestial, tan alucinante como cando afecta a plantas pirófitas", xustificou.

Traxectoria ecoloxista

Miguel Ángel M.N. afirmou sentirse "indignado" pola súa detención "con nocturnidade", e denunciou o trato recibido após esa detención, xa que tivo que ser asistido en varios centros médicos por problemas de saúde relacionados co corazón.

"Foi a peor experiencia da miña vida, o que máis me doeu é que me detivesen así, pisaron os meus dereitos", criticou, aínda que evitou entrar en detalles acerca da acusación que pesa sobre el (por un suposto delito de incendio forestal) para non verse "prexudicado" no seu defensa.

Non entanto, recalcou que a súa traxectoria vital, vinculada a movementos ecoloxistas na Limia "desde os 18 anos", aválalle, e lembrou que chegou a participar "como voluntario" na extinción de incendios forestais.

Finalmente, este investigado trasladou unha mensaxe de agradecemento a familiares, veciños, compañeiros de traballo e asociacións ecoloxistas polo seu apoio. "Eu pensei que todo o mundo íame a tomar por unha persona mala, pero foi ao revés, ninguén me torceu a cara", aseverou.

Te puede interesar