Un espectáculo abre as festas de Ourense dende hai dous anos. A terceira edición de Auria realizou un repaso pola historia menos coñecida da cidade co castelo Ramiro e as revoltas irmandiñas como protagonistas.

Os irmandiños tomaron a cidade

Un Pemán voador asoma á Praza Maior dende Arcediagos. (Foto: JOSÉ PAZ)
Agora si. Xa chegaron para quedarse ata que remate a semana. As festas de Ourense anunciáronse dende o venres, dende que Andrés Calamaro repasara a súa traxectoria musical no Posío. A actividade ten sido continua dende entón, pero só un espectáculo é o encargado de dar o pistoletazo de saída. Por terceiro ano consecutivo, Auria congregou a maiores, medianos e pequenos en torno ó centro da Praza Maior para non perder detalle das pezas musicais, de danza e teatro que, nuns 50 minutos de duración, realizaron un percorrido pola historia da cidade.
Van, con esta, tres partes dunha iniciativa que busca a recuperación de episodios pouco coñecidos da cidade a través dos tempos. Desta vez, as revoltas irmandiñas e as subidas e baixadas dos poderes eclesiástico e señorial foron as protagonistas cun castelo Ramiro de fondo que os revolucionarios se encargaron de botar abaixo. Historia, si, pero tamén lendas e mitoloxía formaron parte do espectáculo inaugural das festas baixo a atenta mirada de moitos ourensáns. As ninfas das augas quentes, o inventor Mateo Pemán, que chegou ata Rusia da man da súa bicicleta voadora e unha Susan chegada do futuro cunha mensaxe de esperanza. Unha ollada distinta que un Lázaro se encargou de contarlle ó cego. Os santos e as festas lembrados a ritmo de tambores e bombos deron cabo duns boteiros chegados dende Viana como símbolo do Entroido.

Coordinados baixo a batuta creativa de Aitor Rei, a compañía Boneca Lareta aportou máis de 80 participantes, 'o 70% deles veciños da cidade', para darlle forma á 'producción teatral e circense máis grande de Galicia', en palabras do seu director. Un traballo de catro meses de preparación sorprendeu na noitiña de onte ó público cun humor pensado para buscar a identidade dos cidadáns co seu espazo de vida, coa cidade termal e coa historia irmandiña que Galicia viviu alá polo século XV.

Varios centos de persoas foron os que finalmente contemplaron o espectáculo, pero foron chegando paseniño e séntandose detrás dunha corda que separaba ó público da historia ourensá. Os nenos gozaron do privilexio de ocupar as primeiras filas e os máis previsores acompañaron o espectáculo dun petisco dende as terrazas da Praza Maior. Xa dende media hora antes de que Auria III dera comezo, os sitios eran motivo de carreiras entre os ourensáns. A benvida deuna a concelleira de Cultura, Isabel Pérez, en nome dos membros da Corporación municipal animando a gozar de sete días de 'festa e ledicia'. O número de Boneca Lareta marcou o inicio oficial das festas e Isabel Pérez deulle paso cun: 'O espectáculo pode comezar'.

Te puede interesar