Leonardo Lemos será ordenado este sábado bispo de Ourense

Este sábado, día 11 de febreiro, ás 16.00 horas, celebrarase na Catedral de Ourense a Ordenación Episcopal de Leonardo Lemos Montanet como novo bispo de Ourense, nun acto que presidirá o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.
O bispo electo de Ourense entrará o sábado na diocese pola parroquia de Santa María do Desterro, en Corna, como é tradición, onde se realizará unha pequena celebración mariana. Posteriormente deterase, coa súa comitiva, no Real Mosteiro de Santa María de Oseira.

Ás 15.15 horas, o novo bispo fará a súa entrada na cidade de Ourense polos Xardíns do Padre Feijóo, unha das antigas portas da urbe, onde será recibido polas autoridades e os fieis ourensanos, presididos polo bispo de Tui-Vigo e administrador apostólico de Ourense durante a súa sede vacante, Luis Quinteiro.

Finalmente, ás 16.00 horas dará comezo na Catedral de Ourense a celebración de Ordenación Episcopal, o ordenante principal da cal será o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio.

A este evento está previsto que asistan autoridades religosas, como o nuncio de Súa Santidad en España, Renzo Fratini; e civís, como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ou o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, así como numerosos bispos de toda España e de dioceses limítrofes de Portugal.

A última ordenación episcopal celebrada na Catedral de Ourense tivo lugar hai 15 anos e foi a de monseñor Carlos Osorio Sierra. O seu sucesor, o actual administrador apostólico, Luis Quinteiro, era xa bispo auxiliar de Santiago canto tomou posesión da diocese en 2002.

O lema do seu ministerio episcopal será 'Omnia in Caritate' (Todo en caridade), recollido dun pensamento do apóstolo San Pablo na Carta Primeira aos Corintios, que foi o lema tamén do cardeal arcebispo de Santiago monseñor Fernando Quiroga Palacios.

Te puede interesar