Pintor

LEONARDO VIDAL: 'Alguén que pinta moito pode enfrontarse á foto pero poñendo algo seu'

O pintor, natural de Esgos pero afincado en Verín, presenta na galería Gonzalo Pérez a exposición 'Donde la fotografía no llega', con 36 cadros realistas que recollen a súa traxectoria artística.
Que cadros presenta nesta exposición?
Son de temática variada. Aparece moito unha das miñas teimas, que é a de xogar coa cor e coa luz, sobre todo coa luz. Ese é o meu cabalo de batalla. Tamén hai interiores, que é algo que me apaixonou sempre e fixen varias exposicións só con este tipo de cadros. Eu non son de Verín, pero estou afincado alí e, por iso, o Entroido tiña que aparecer por algunha parte. Para representalo decidín xogar co cadro das Meninas, ás que metín dentro en “Metamorfosis carnavalesca”. Tamén presento paisaxes nos que represento a miña zona e retratos.

Así que a inspiración venlle de calquera sitio?
O motivo é o de menos, o caso é que as musas che digan: “Aí tes algo, móvete”. Eu son un escravo do cabalete. Sempre veño enmarcar á galería Gonzalo Pérez e sorpréndense da cantidade de cadros que pinto. É certo que isto non se pode pintar en dous días nin nunha semana, se o resultado que se busca é moi realista, non queda máis remedio que pararse. Se eu traio a Ourense un cadro da Praza do Ferro, onde a xente a coñece, ten que ser o máis real posible.

Traballa in situ ou emprega a fotografía como fonte?
Cando era novo e vivía en Esgos, onde nacín, andaba sempre co cabalete por alí. Despois, ó casar en Verín percorrín os pobos todos de arredor, chegando ata Riós. Daquela non me atrevía a pintar valéndome dunha fotografía porque me parecía que era coma unha fraude. Pero eu merco moito libro didáctico e un día lin un capítulo que se titulaba “Fotografía si, fotografía no”. Alí dicía que se un pintor non tiña costume de pintar ó aire libre, non empreguase as imaxes, pero se xa tiña saído ó exterior e pintado moitas veces, podía enfrontarse a ela poñendo algo do seu empeño, sexa a cor ou un cambio da perspectiva.

Cal é o cadro estrela desta exposición?
Un que tamén trata sobre o Entroido. Nel hai un dobre plano. Un primeiro realista no que se ve a unha rapaza soñando e, máis alá, o soño, no que sae o Entroido.

Os seus son cadros moi reflexionados?
Ese debe levar algo máis dun ano pintado, pero co tema levo batallando uns catro ou cinco anos e todo eran problemas. Pouco a pouco, íalle vendo a saída a cada atranco. Cando estás machacando durante moito tempo un tema, ó final sae.

Pinta dende moi novo?
Dende sempre. Con 10 anos marchei interno para un colexio e as miñas irmás aínda me recordaron hai pouco que lles deixara debuxos daquela. Agora, xubilado e con todo o día para pintar, párome moito.

Te puede interesar