Experiencia activa

Letras con amor e humor

PEA Mayo 5_resultado
photo_camera Os usuarios da residencia Casa Grande de Maside elaboraron un mural sobre Xela Arias.
Os residentes de San Rosendo elaboraron murais, escolleron obras literarias e danzaron

O Día das Letras Galegas foi a oportunidade para os usuarios da Fundación San Rosendo de celebrar a lingua que utilizan a diario. O galego é o idioma que moitos deles e elas usan para comunicarse, e tamén cos seus familiares e amigos. A lingua presenta para estas persoas unha beleza única e especial, e garda sentimentos e recordos asociados desde hai moitos anos.

Por este motivo, nos centros da fundación decidiuse render homenaxe á lingua galega e máis a Xela Arias, a escritora de Sarria que foi a protagonista da xornada en toda Galicia. Durante as semanas previas á efeméride, as residencias ourensás organizaron actividades dedicadas a reflexionar sobre o uso da lingua, coñecer diferentes autores ou analizar obras -tanto clásicas como modernas-, e tamén se prepararon obradoiros creativos e recitais de poemas.

Amor e humor

Segundo detallan dende a fundación, a paixón dos maiores pola lingua das súas nais “quedou reflectida en tódalas actividades que se realizaron por esta celebración”. Na residencia do Incio, por exemplo, os traballadores do centro organizaron unha “recollida de palabras” na que os usuarios reflexionaban sobre as súas palabras favoritas do galego, e as ían apuntando nun documento. Con estas, fixeron unha posta en común e a maiores elaboraron un mural conmemorativo. Entre os termos preferidos escollidos polos usuarios se encontraron términos cariñosos e moi enxebres como “aperta”, “bico” o “sentidiño”. Tampouco faltaron outros máis divertidos, como “chosco”, “toxo” ou “barallocas”.

PEA Mayo 3_resultado

Neste centro, ademais organizaron tamén outras actividades complementarias, cunha vocación máis literaria. Entre elas estivo unha exposición como homenaxe a tódolos autores galegos aos que se dedicou o Día das Letras Galegas ao largo dos anos, dende a súa primeira edición -1963, con Rosalía de Castro- ata a actualidade. Os residentes recompilaron e compartiron datos curiosos e recensións das obras máis destacadas destes autores, debatendo sobre as súas favoritas e reflexionando sobre a importancia de promover o idioma entre maiores e novos.

Noutros casos, a motivación tamén seguiu esta liña literaria. Por exemplo, na residencia de Lobeira, os usuarios elixiron un poema de Xela Arias e recitáronllo entre todos, mentres que na Casa Grande de Maside e na residencia A Saleta investigaron á autora de “Intempériome” ou “Darío a diario” e elaboraron un mural empregando datos sobre a súa biografía e as súas obras.

Outros centros optaron por despregar as dotes artísticas dos maiores, como é no caso da residencia A Mezquita. Neste centro, os usuarios e usuarias aproveitaron os seus obradoiros de manualidades para preparar unhas grilandas coa bandeira de Galicia empregando telas e pinturas. Ademais, elaboraron marca-páxinas, carteis conmemorativos e estampas coa bandeira para traballadores e compañeiros.

PEA Mayo 2_resultado

“No Día das Letras Galegas non podían faltar as actividades favoritas dos usuarios: o canto e a danza”, apuntan dende a fundación. Nesta liña, a sesión musical se baseou en cancións e danzas tradicionais de Galicia. “Son melodías e movementos que os maiores asocian con recordos de infancia e mocidade, especialmente cos bailes e romarías propios da zona de Ourense”, engaden.

Te puede interesar