CULTURA

As letras galegas lense no Claustro de San Francisco

As actividades comezan esta tarde coa "noite branca da música"

A festa das letras galegas ofrece aos ourensáns unha oportunidade especial de visitar e disfrutar esta tarde do claustro de San Francisco. O programa de actividades para o Día das Letras Galegas, organizado pola Asociación procentenario Nós 2020, co patrocinio do Concello de Ourense e da Universidade, arranca hoxe coa "Noite branca de música".

A partir das 20,00 horas iniciase o programa, que abrangue o concerto de "2Nafronteira", co traballo "Uns zapatiños para Díaz Castro", un ambigú das letras e remata co concerto de Terra Morena e o seu "Tocando Zeca Afonso".

Isto só será o aperitivo para o día grande de mañá, que terá varios escenarios: a Praza de San Martiño, o Liceo de Ourense, o Banco de España e a área arqueolóxica das Burgas. Entre as actividades programadas atopánse varios concertos musicais, un coloquio con "preguntas e respostas sobre Díaz Castro, lecturas de poemas do poeta homenaxeado e como acto máis salientable a recepción dun grupo portugués, que será recibido polo alcalde de cidade.

A concelleira de Cultura, Ana Garrido, fixo un chamamento ácidadanía para que "saian ás rúas de Ourense non só para participar nos actos que se van facer, senón tamén para recibir aos compañeiros portugueses. A mestizaxe é sempre boa".

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, quen deixou claro que falaba en calidade de vicepresidente da asociación, coma universitario que naceu co Campus e a nivel individual, indicou que "a asociación Nós 2020 xa está en marcha para ir aunando e sumando institucións a súa causa. Esta cidade sempre foi moi activa culturalmente, pero fai cen anos era un lugar referente a nivel mundial. Agora estamos quentando motores e correndo rallies para ir a un campeonato do mundo no 2020". Sinalou que "é un luxo ter a oportunidade de escoitar a estos grupos musicais, e ademáis de homenaxear a Díaz Castro tamén o faremos co poeta luso Zeca Afonso". Así que todos os ourensáns teñen unha cita coa festa da lingua onde a música e a poesía son as protagonistas.

Te puede interesar