A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (Afaor) loita un día tras outro para que os que padezan a doenza poidan manterse activos e retrasen o maior tempo posible os síntomas da enfermidade.

Loita contra o esquecemento

Mesas informativas sobre o alzheimer. (Foto: Xesús Fariñas)
Bicicleta, culler e mazá son tres palabras que moito se están a pronunciar estes días en tódolos medios de comunicación e son tamén os nexos que Pasqual Maragall ten coa realidade; unha realidade vital que lle está sendo arrebatada por ese mal chamado alzheimer. Pero máis alá da batalla de personaxes coñecidos, en Galicia hai hoxe arredor de 30.000 anónimos e 30.000 familias de anónimos que loitan día a día para que ese ser querido non caia no esquecemento da persoa que un día foi.
De todos eles, uns 7.000 viven na provincia de Ourense; aínda que esta cifra non é de todo fiable. Segundo indica a presidenta de Afaor, Ángeles Blanco Ledo, temen que no medio rural haxa casos que non están contificados. Alí é a onde dirixen agora boa parte dos seus esforzos, porque é posible que moitos enfermos 'nin sequera sexan conscientes de que padecen esta doenza'.

Onte, Día Mundial do Alzheimer, os ourensáns, unha sociedade que 'cada vez é máis solidaria' para Ángeles, puideron achegarse a algún dos tres postos informativos que había na cidade -no Paseo, en Ervedelo e onde a Residencia- para coñecer dun xeito máis profundo tanto Afaor coma os síntomas, consecuencias e recursos cos que conta hoxe o alzheimer.

Sen dúbida axudou moito que no ano 2007 o ex presidente da Generalitat catalana saíse anunciando que os seus recordos comezaban a fraquear por mor deste mal. Sobre todo, favoreceu que a sociedade comezase a darse conta da crudeza á que se enfrontan tanto os que a padecen como os familiares dos enfermos. Para a presidenta de Afaor, a relevancia social e mediática destas persoas, comeza a 'convencer á poboación de que non é algo que deba permanecer agochado', senón que admitir que se sofre, axuda a que se traten de buscar máis recursos e isto irá sempre en beneficio dunha mellor atención para os enfermos.

Te puede interesar