Lola Doporto, aquén dos sonos...

Maniquíes II
photo_camera Maniquíes II


A luz do Val de Orras entra ao seu estudo e xuntase co ar, que se move, fresco, dende as augas do río que chaman Sil, augas que escorregando chega por serpentiformes meandros logo de pasar Santurxo e Millarouso, aldea esta a natal da artista. Eis a forza das augas mansas raíz e forza do seu dicir plástico. Con elas móvese Lola Doporto (Dolores Doporto Nogueira, n.1971), e chega, suave, até o mar de Vigo para exhibir as súas últimas creacións na segunda sala da Afundación, amosando nas súas obras a xenerosidade da vida cos pigmentos pictóricos, para modelar as formas coas que viste a emoción, que sen ela non hai memoria. E cando as mira nas paredes da sala, percebe a distancia temporal das cores aplicadas sobre o lenzo, e o seu pensamento voa rememorando o plan imaxinado no seu taller. Aquí, na súa casa de O Barco, a industriosa vila do nordeste ourensá, comparten o espazo de vida as arelas sandadoras e os sonos creativos coas espátulas e óleo, pinceis e augarrás... Superada a súa enfermidade, a finais da pasada década, foi abandoar as reticencias para expoñer e a súa arte comeza a medrar ata aboiar en Ourense coas mostras do segundo semestre de 2021 en ArteSouto, Espacio de Arte RV, e Centro Cultural da Deputación, florecendo agora, tralo inverno, con impulso de seu na cidade olívica. Así o vemos na cor en relevo da rechamante cofia feminina que funciona como imán visual no “Grupo feminino con galo”, e tamén no “Séquito de galos”, un xuízo salomónico eclesiástico con retranca. Esta nova actitude é a que fai agromar o sorriso nos beizos e xestos amables nalgúns dos monicreques e manequíns, icónicos persoeiros seus até o pasado ano, que perden os fíos cos que se moven e as rixideces dos corpos, gañando expresividade e volume. 

Eis así un novo son, como o dos seus músicos, caso de Códax ou a gaiteira Alana. Esta leva un bufo como ave protectora, e antes, dende 2016, noutras, un falcón, un tucán ou un touro, todos con función apotropaica, consonte das figuras enfadadas, calvas e de ollos tristes, que enchen o seu discurso anterior, sen albiscar nelas melenas... 

Ten axudado no seu camiñar, moito sen dúbida, a pintura como terapia, nun empeño construtivo que agora se move cara esa luz que escintila nunha miríade de miúdas e variadas cores, ricas alfombras, ou colchas, que provocan ledicia dende a sensación de sinestesia. Na súa aparición parécenos albiscar unha inspiración dende a penúltima pintura de Antón Pulido, ao que admira. Son así un harmonizado de contrastes, concerti grossi de matéricos tecidos. Estes aparecen fisicamente nos manequíns que, en número de tres, visten acaídas cores nos rostros, cubertos de largas e ricas vestimentas con capa, que lle confiren á exposición ese misterio de Samarcanda, Harum-al Raschid e os pazos do Oriente, con aromas a incenso, bergamota e orquídea negra. Velaquí un mundo de intertextualidade, tal con Martín Códax, que aparece na mostra, fulcral trobador que escribira “eno sagrado, en Vigo/baylava corpo velido”. E Delgado Gurriarán, citado poeta da terra da pintora, autor que en “Bebedeira” falou das “Dez cousas de Valdeorras” no verán. Xaora, con Loli Doporto, son once dende a terra do corazón.

Te puede interesar