Luis Humberto: un ourensán ao piano para Liz Taylor, Sinatra ou Kissinger

Luis Humberto.
photo_camera Luis Humberto.
A relación de Luis Humberto Cao (Coles, 1947) coa música comeza desde o berce. Con só cinco anos xa tocaba co seu pai, tamén músico, a percusión. Seguiríanlle o acordeón e o piano, instrumento este último co que tocaría nos máis exclusivos espazos do mundo para persoeiros como Sinatra, Liv Taylor ou Adolfo Suárez. Esta é a súa incrible historia.

A moderna vivenda unifamiliar de Vilarchao na que vive Luis Humberto Cao Fernández (Coles, 1947) contrasta coas construccións dos fogares tradicionais do rural ourensán. Tamén moderna foi, para os anos que corrían, a vida de Luis Humberto, como el mesmo testemuña. Relata aventuras nas que non é complicado mergullarse grazas a unha narración áxil e á excelente memoria que conserva daqueles tempos, e dos que os seguiron.

Unha memoria que conserva case intacta grazas, en gran parte, á súa compañeira dende que ten lembranzas: a música. “Esta mañá xa toquei dúas horas, e aínda teño que tocar máis. Desta forma, manteño a memorización das cancións”, explica. Partituras que serán miles, senón decenas de miles, as que terá aprendido ao longo da súa vida.

Da terceira xeración de músicos da súa familia, a música non é que chegara a Luis Humberto, as melodías xa estaban alí cando el naceu. Manuel, seu pai, despois de tocar en varias orquestinas, “así se chamaban os grupos pequenos daquela”, formou a orquesta Ya. “Ensaiaba cos músicos na casa, e así foi como comecei eu”. Tiña cinco anos. “Voume criando coa orquesta, empezo coa percusión, co acordeón, ata que meu pai pensa que o mellor é cambiar ao piano”. 

Son moitos os mestres que Luis Humberto tivo ao longo da súa vida, como Gerardo Salgado Valdés. “Era o organista da catedral de Ourense, un home moi esixente, que só me tivo a min de alumno particular e que non me cobraba. Para que me dera clase, tiña que levarlle todo moi ben aprendido”, lembra o músico de Coles.

Luis Humberto compaxina os estudos musicais do Conservatorio co seu papel de músico en diferentes conxuntos que o levarían a tocar non só polas romarías de Ourense, senón tamén ao Gran Hotel Balneario de Mondariz, onde chegou, aos vinte anos, “a oportunidade de saír a fóra, de ir á aventura”. O próximo destino sería Beirut, capital do Líbano.

De Coles a Oriente Medio

“Marchamos tres amigos da zona de Ribadavia e eu cun representante do Morrazo que xa tiña moita experiencia no estranxeiro, porque nós non sabiamos idiomas, estabamos cegos de todo”, recorda Humberto.

É difícil de imaxinar como debeu de ser para un rapaz novo saír dun Ourense atrapado na ditadura franquista e chegar a un país no que “convivían todas as culturas, relixións, idiomas… era un país moi rico culturalmente”. Aínda hoxe se aprecia notablemente a emoción coa que Luis Humberto fala da capital libanesa. “Aquelo abraiume. Entro nunha nova vida, moi rica tanto social como culturalmente. Aínda hoxe o boto de menos”, lembra.

Beirut convértese “no meu centro de operacións: desde alí é a onde me movo para vivir todas as aventuras que me trouxo o Oriente Medio”. Bagdag, Basora ou Abadán foron algunhas das cidades as que Os Galaicos, con Humberto ao piano, deleitaron coa súa música. Tamén en Teherán, capital de Irán, onde coñecería o piano bar. Os seus compañeiros xa pensaban na volta a España, pero o destino tiña preparada outra sorpresa para Luis Humberto. “Había unha audición para o posto do piano bar do Hotel Hilton de Teherán. Para facer iso tes que ter un repertorio moi grande, moi boa memoria, porque a xente do público acércaseche e pídeche un tema e non podes ir con todas as partituras dun lado para outro. Pero prepareime e fun facer a proba: pedíronme que tocara dúas cancións, unha armenia e outra griega. Gusteilles e déronme a praza”. 

A Teherán que coñeceu o noso protagonista, ao finais do 60 e comezos dos 70 -así como as outras cidades do Oriente Medio-, dista moito do réxime opresor que hoxe alí impera. Personalidades da época como Liz Taylor, Raquel Welch, Sophia Loren ou Frank Sinatra, e referentes políticos dese momento, coma Golda Meir ou Henry Kissinger, gozarán do talento do pianista de Coles.

Do Hilton de Teherán a dirección envíao a tocar a cidades de diferentes países do mundo, como Nicosia (Chipre) no ano 1974, de onde ten que fuxir aos dous meses pola invasión turca. Regresa a Beirut e desde aquí volve a Ourense para visitar á familia cando o amor da súa vida, Elisa, se cruza no camiño.

Foron o amor que tiña en Ourense, máis a situación do Irán, onde “o problema político xa fervía”, lembra Humberto en relación á revolución iraní do 1979 que deu lugar á instauración da república islámica, o que fixeron regresar ao pianista a Galicia no ano 1976.

A Toxa, fogar 35 anos

A través de coñecidos que tiña en Pontevedra, descobre que o posto para o piano bar do Gran Hotel Balenario da Illa da Toxa está vacante e será el quen o ocupe desde febreiro de 1977. “A Toxa tivo un momento impresionante. Non era o Hilton, pero por alí pasaron todas as grandes personalidades do panorama nacional”.

Nas fotos que conserva Humberto dos seus anos como pianista deste exclusivo hotel recoñécense rostros como os de Bertín Osborne, Lina Morgan, Julio Iglesias ou Andoni Zubizarreta. “Nunha suite do gran hotel fíxose o traspaso de poderes de Adolfo Suárez a Calvo Sotelo”. Lembra con especial cariño as conversas con Severo Ochoa, Premio Nobel de Medicina. “Recordo grandes veladas con Severo Ochoa, con el paseino ‘chachi’, era un home moi sentimental”.

Tamén se encargaría de amenizar vodas, bautizos e comuñóns na Capela de San Caralampio, feita con cunchas de vieira. Luis Humberto conta a historia desta igrexa, unha das súas favoritas. “Sabías que só hai dous templos no mundo que dean culto a este santo? Un é o da Illa da Toxa e o outro está en Costa Rica. É o patrón dos borrachos e dos coxos!”, di entre risas. 

Foron 35 anos moi intensos. “Que piano tiñan alí! Era marabilloso, 513 pesetas lles valera cando se inaugurou o hotel. Lástima que daquela non habían teléfonos, que lle faría unhas cantas fotos”. 

Humberto viviría outra gran andanza na Illa da Toxa: alí naceron e criáronse os seus dous fillos, que seguiron os pasos do pai e na actualidade son mestres de música. Ao longo deses anos aínda recibiría algunha oferta para volver marchares a aventura ao estranxeiro, pero “xa estaba asentado e só marchei da Toxa cando terminei o traballo”. No 2012, el e máis Elisa fixeron entón as maletas e instaláronse en Coles para gozar da xubilación.

Xubilación, voluntariado e máis música

Volta á casa. Luis Humberto asentase en Coles, onde, a pesar da xubilación, o corpo séguelle pedindo máis actividade. Recuperou a banda de música do concello, foi mestre de ducias de nenos e nenas da contorna e organizou concertos no auditorio municipal.

No 2019 decide deixar a banda e aventúrase nunha nova actividade: o voluntariado. Xunto con Belén Piñeiro, xefa de Humanización do CHUO, a quen coñeceu porque “tivo ás fillas na banda de Coles”, deciden levar á música ao hospital para facer a estadía aos pacientes máis levadeira. A chegada da pandemia provocou que o proxecto tivera que esperar, pero xa este pasado Nadal ofreceu varios concertos co seu acordeón ás persoas que acoden ao hospital para realizar a diálese.

A música, como non podería ser doutro xeito, segue presente na súa vida, todos os días, non só no seu fogar, se non que a comparte con outros. Visita case diariamente o Liceo de Ourense, onde participa na coral a mans, como non, do piano. “O Liceo é o motor da cultura de Ourense, é o que máis se asemella na cidade ao meu chollo, a todo o que eu fixen”.

Despois de lembrar algúns dos intres máis importantes da súa intensa e aventureira vida, pon fin á conversa con música. E tras facer unha viaxe ao pasado, que mellor que rematar con “Yesterday”, dos Beatles.

Te puede interesar