O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidirá a Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias durante todo o presente mandato. Esta entidade nace ao amparo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coa fin de promocionar as entidades locais con augas minerais medicinais e termais. Os vicepresidentes da Rede serán os alcaldes de Cuntis e Cerdedo-Cotobade, Manuel Campos Belay e Jorge Cubela López, respectivamente.
Menor agradeceu “a confianza depositada pola FEMP na Deputación de Ourense para liderar durante catro anos esta rede” e salientou que este acordo “reafirma o posicionamento da provincia de Ourense como un dos principais territorios termais de España”. Ademais, sinalou que asumir a presidencia desta rede “evidencia o gran traballo realizado nos últimos anos na Deputación a prol deste sector diferenciador”. Nesa liña, asegurou que “traballaremos para aportar a nosa experiencia nunha materia onde Ourense xoga un papel moi destacado a nivel nacional”.