Luis Seara: "A situación actual é de emerxencia política, por iso hai que ir votar o 28M"

Entrevista a Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía de Ourense

En plena campaña electoral, o candidato nacionalista á alcaldía de Ourense, Luis Seara, apenas ten ocos libres na súa axenda. Entre mitines e reunións con veciñanza, achégase ao plató de Telemiño para falar do seu proxecto político e do necesario cambio de rumbo da cidade.

Como cre que está influindo a difusión dos audios de Jácome que o vinculan con supostas prácticas de corrupción?

É evidente que a campaña cambia por completo no momento no que se coñecen os audios que publica o diario La Región porque neste momento é verdadeiramente difícil falar de política. A nós gustarianos estar falando do proxecto transformador que temos, pero estamos nunha situación de emerxencia social e política. Hai un caso de corrupción que implica directamente á alcaldía, que lixa a imaxe do noso concello, e nós dende logo non podemos resignarnos.

Presentaron unha querela no xulgado debido á multa do coche do Concello de Ourense en Vigo, confía en que haxa consecuencias?

Eu estou absolutamente convencido. Ningunha sociedade madura pode tolerar a indecencia nas institucións, moito menos que un alcalde que está enlamado nun caso coma este, que lle pide mordidas ás empresas, que lle pide a traballadores públicos que delincan para evadir as suas responsabilidades, poida dirixir esta nave.

Preocúpalle o estado das contas da cidade?

Nun pleno xa dixen que o Concello estaba nunha situación de quebra técnica: houbo que ir a un expediente de modificación de crédito para poder pagar a nómina dos traballadores públicos o pasado decembro, así que algo hai aí. Este alcalde que dicía que sobraban traballadores públicos fartouse de contratar persoal e iso afectou aos axustes das contas. En canto entremos no Concello imos abrir festras para sacar este cheiro a podremia que leva instalado durante tanto tempo.

Por que nos últimos catro anos a oposición non foi capaz de chegar a un acordo para poñer remedio á situación do Concello?

Primeiro hai que dicirlle á cidadanía que Jácome é alcalde porque o PP así o fixo. Nós fomos a primeira formación política que a raíz da marcha dos seus concelleiros pedimos a súa dimisión, apoiada por 24 dos 27 concelleiros da corporación. A partir de aí lanzamos a posibilidade dunha moción de censura. O PP non quixo saber nada, vetou a persoas, puxo condicións inasumibles. O único que lle preocupaba era seguir no poder a cambio de condear a cidade, e iso non pode pasar. Hai responsables directos desta situación, o PP e, nalgunha medida, o PSOE. 

 As últimas enquisas danlle ao BNG o dobre de  concelleiros que en 2019, fianse?

Tomámolas con cautela. É certo que marcan tendencia e apuntan cousas que hai que ir coñecendo, pero o que realidade me importa é a enquisa da rúa, que nos fala dunha corrente crecente de simpatía cara o BNG. Queremos dicirlle a aquelas persoas que se sinten enfadadas e indignadas co que está sucedendo, as que están fartas de corrupción e nepotismo, que temos unha posibilidade histórica, é necesario ir votar, temos un instrumento fantástico na man.

Que se pode copiar do exitoso modelo de Pontevedra en Ourense?

Non me gusta facer copias miméticas, nós temos a realidade que temos. O que temos que incorporar é a idea de recuperar a rúa, situar as persoas no centro das políticas. Temos un instrumento fantástico, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), do cal non se implementou unha sola medida. Por iso plantexamos a posibilidade de crear unha oficina técnica que permita levar a cabo cada un dos elementos que se conteñen nese fantástico plan, que permitirá humanizar e dinamizar a vida social e económica.

Unha das demandas históricas da cidade é a aprobación do PXOM.  

É unha das cuestións verdadeiramente relevantes, para levar a cabo un proxecto transformador do concello é necesario usar ferramentas como o PXOM. O BNG propuxo presentar o PXOM ante a cidadanía, ten que ser participativo. Nós queremos implementar unha xerencia de Urbanismo e Vivenda que permita que os representantes da cidadanía controle aos políticos, que se poida adquirir vivenda para dar servizo ás persoas con menos recursos e que se axilicen os trámites administrativos.

En asuntos sociais, que falta?

Por unha parte, defendemos a construcción dunha vivenda de maiores pública e xestionada dende o público. A oferta do PP nese sentido segue sen concretarse, nin sequera coa futura residencia da Fundación Amancio Ortega. O social é a pedra angular do noso proxecto: non pode ser que haxa entidades do terceiro sector que se quedan fóra das achegas do Concello. É preciso reforzar os dispositivos con máis persoal e con máis diñeiro, queremos incrementar ata 1 millón de euros a partida.

A Concellería de Igualdade desapareceu e nunca houbo tantos ataques a mulleres da corporación.

Eu como alcalde tería extrema cautela en tratar ao conxunto dos traballadores e políticos, están representando ao conxunto da cidadanía. Pero estamos falando dunha persoa misóxina, claramente machista, que desprecia todo e a todos, e especialmente as mulleres. É absolutamente intolerable, ningún goberno que se precie pode ter esa actitude tan lamentable.

Respecto á cultura, volverá abrir o Museo Municipal? Reactivarán a UPO?

Levamos un proxecto ao que definimos como Ourense Creativo, no que se entende a cultura como algo consustancial ao ser humano, pero tamén democratizador, xerador de riqueza, dinamizador social e económico. Nós queremos abrir o Museo con carácter inmediato, darlle unha dimensión distinta e que esté aberto aos veciños. E a UPO ten que xogar un papel sobranceiro.

Te puede interesar