O magnetismo da Terra e a arqueoloxía

A Terra, un enorme imán cambiante.
photo_camera A Terra, un enorme imán cambiante.
Na actualidade o Polo Norte correspóndese co polo positivo, xa que nos atopamos no “chron” -nome das etapas de polaridade magnética- chamado Brunhes

O planeta Terra é un xigantesco imán, unha pila enorme cos polos positivo e negativo que crean un campo magnético. No só é que vaia frío nos polos, se non que a carga electromagnética, entre outras propiedades físicas, permite que as buxolas ou compases de navegación nos orienten con referencia ao “norte magnético”, que varía sensiblemente con respecto ao “norte xeográfico”.

Na actualidade o Polo Norte correspóndese co polo positivo, xa que nos atopamos no “chron” -nome das etapas de polaridade magnética- chamado Brunhes. A modo de curiosidade, tal etapa recibiu o nome do xeofísico Bernard Brunhes, que en 1906 descubriu rochas imantadas en sentido contrario que as da presente época, alertando sobre a variación ou inversión dos cambios de polaridade na historia xeolóxica.

Pois ben, que ten que ver todo isto que lles conto coa arqueoloxía, disciplina científica interesada nas accións humanas do pasado? Explicareime. Un dos sistemas de datación máis coñecido é o do carbono 14. Aínda que é bastante eficaz, a aplicación está limitada polo alcance, posto que só consigue datar antigüidades máximas duns 50.000 anos. Pouca cousa, cando verificamos os nosos afastados antepasados en tempos moi remotos, que superan os catro millóns de anos.

Por iso debemos buscar metodoloxías e información aínda que sexa -e nunca mellor dito- “debaixo das pedras”. Un sitio arqueolóxico importante para estudar o primeiro poboamento de Europa é o xacemento burgalés de Atapuerca. En 1994 descubríronse restos humanos dunha especie descoñecida, denominado “Homo antecessor”, que significa “home pioneiro”. Daquela, estimábase para o poboamento das terras europeas, unha antigüidade non maior dos 500.000 anos. Facíase imprescindible poñerlle fecha a un descubrimento tan importante.

Como lles dicía, era vital extraela onde fose posible, e así o fixeron os compoñentes do equipo de investigación, buscando a antigüidade desta nova especie humana por diversos medios. Así, datáronse por medio da técnica de uranio-torio os dentes duns mamíferos que apareceron no mesmo nivel arqueolóxico -o estrato TD6- que os restos humanos, cuns resultados entre os 794.000 e 668.000 anos.

Ademais, o achado dun roedor -o “Mimomys savini”-xunto a eles cadraba ben, posto que ese pequeno rato viviu en Europa dende 1.800.000 a 600.000 anos. O feito de convivir eses grandes mamíferos e aquel ratiño no mesmo estrato arqueolóxico que o antecessor, garantía unha antigüidade por riba dos 600.000 anos. Pero os cambios de polaridade magnética que descubriu o xeofísico francés Bernard Brunhes a principios do século XX, viñeron a confirmar que os antecessor moraban nas terras de Atapuerca incluso bastantes milenios antes desa data.

O estrato arqueolóxico TD6, do xacemento Trinchera-Gran Dolina de Atapuerca, é un dos 108 niveis de sedimentos que forman a estratigrafía desta cova, cortada pola trincheira do ferrocarril no século XIX. Ofrece unha secuencia xeoarqueolóxica de 24 metros de potencia ou profundidade, que axuda a explicar unha longa etapa da presencia humana no lugar.

Pois sobre ese estrato TD6, que acolleu os restos dos antecessor, aparece outro máis recente no que se detectou o último cambio de polaridade, é dicir, o paso do chron Matuyama ao crhon Brunhes, episodio que ocorreu hai uns 890.000 anos. O antecessor era, necesariamente, máis antigo. Vemos que na arqueoloxía as investigacións para comprender a prehistoria, son as que máis se asemellan ás Ciencias Naturais.

Te puede interesar