Goberno provincial

Máis de 3 millóns de euros en axudas para concellos da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres o presuposto para diversas actuacións en materia de Cultura, Infraestruturas, Medio Ambiente e Deporte

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 3.075.627 euros en axudas a concellos da provincia para diversas actuacións en materia de Cultura, Infraestruturas, Medio Ambiente e Deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 31 de agosto de 2018.

Por unha parte, a Xunta de Goberno aprobou a ratificación de convenios de colaboración con 38 concellos da provincia para a execución de diversas obras municipais, para as cales a Deputación de Ourense destina un orzamento total de 2.789.057 euros.

Axudas por Concellos:

- Concello de Arnoia: 7.805 euros destinados á instalación dun equipo de frío no velorio municipal.

- O Concello de Beariz recibirá catro axudas: unha de 28.000 euros para o acondicionamento do local cedido pola Consellería de Educación do CEIP de Beariz como Casa Nido e adaptalo para ofrecer este servizo. Para a instalación de bombeo con enerxía fotovoltaica na captación de Adrián, unha axuda de 6.400 euros e outra de 8.000 euros para a colocación de canastras colgantes no pavillón polideportivo de Beariz. A última, de 9.655 euros, será para sinalizar os recursos turísticos do municipio.

- Concello de Celanova: unha axuda de 11.921 euros para a reparación de danos causados polos temporais de xullo de 2017 en distintos puntos do municipio.

- Concello de Cenlle: 19.655 euros para o saneamento en Rioboo.

- Concello do Irixo aprobou unha axuda de 4.054 euros para o subministro e colocación dun conxunto escultórico en homenaxe aos veciños que faleceron por enfermidade ou en accidentes na construción do túnel de San Cosme-Abeleda da vía do ferrocarril Zamora-Santiago, e para Montederramo unha axuda de 25.000 euros para unha cisterna contra incendios con capacidade para 10.000 litros cos elementos de conexión ao tractor desbrozadora xa existente.

- Concello de Muíños: 70.000 euros para o Programa “Coñece Ourense”, para o “Campamento da Ourensanía” e para socorristas correspondentes ao ano 2018.

- O Concello de Nogueira recibirá dúas axudas: unha delas, de 12.308 euros, destinada á mellora da rede eléctrica para o aforro enerxético a través da implantación de reloxos astronómicos, e a outra, de 37.569 euros, para obras de mellora no Camiño do Val.

- Para o Concello da Peroxa aprobouse unha axuda de 9.000 euros para a mellora do acceso a Fontao e a Santabaia.

- Concello de Punxín: 5.000 euros destinada ao Certame de Artes Plásticas “Arte e Natureza”  e 8.203 euros para as obras de canalización de regadío en Viñao, co obxecto de dotar dun novo tramo de saneamento complementario ao xa existente neste punto.

- O Concello da Rúa de Valdeorras recibirá unha axuda de 20.000 euros para a adquisición dun proxector dixital para o Centro Cultural Avenida, co fin de retomar ás exhibicións cinematográficas que se proxectaban nesta infraestrutura.

- Por último, na reunión aprobouse unha axuda para Isaac Rodríguez e David Rodríguez SC por importe de 4.000 euros para o American Autumn 2016, unha iniciativa que pretende ser unha mostra da música que se está a facer en Estados Unidos.

 

Te puede interesar