Sés: "Máis mulleres cantantes non supón máis igualdade"

Actuación de Sés en el OurenRock Sound XS, el pasado julio.
María Xosé Silvar (Sés), cantautora, que actuará mañá no Ouren Sound Fest

Cantareira: Muller que canta cantigas populares. Cantora: Persoa que narra ou describe unha cousa de forma poética enxalzando as súas virtudes. Cantautora: Cantante, xeralmente solista, que adoita interpretar as cancións por ela compostas, nas que destaca o seu contido crítico ou poético. Paiadora: Poeta e cantora popular que, acompañándose da guitarra, improvisa versos sobre os seus sentimentos e a realidade que a rodea. Sés é unha conxunción de todo o anterior, pasado polo baruto dunha personalidade única. A súa música é un cóctel de folclore tradicional galego, rock, blues e ritmos latinoamericanos.

O seu lirismo percorre desde o racismo e o clasismo ata a desigualdade social e a diversidade de xénero. A súa estética ascética pon aínda máis de relevo o contido da súa obra. Sen o “brilli- brilli” e a nudez hoxe tan en boga nas mulleres que se soben arriba dun escenario, María Xosé Silvar (Sés) ten tatuada na súa pel toda unha declaración de principios: “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”. A frase tomouna prestada dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, a quen homenaxea no seu traballo “Liberar as arterias”. Lonxe de toda ostentación, ten unha definición moi sinxela de si mesma: “Cantautora, aínda que sempre serei cantareira”.

O seu novo disco é o sétimo en nove anos (“Admirando a condición”, 2011; “Co xenio destrozado”, 2013; “Tronzar os valos”, 2015; “Opoñerse á extinción”, 2016; “Readmirando a condición”, 2017; “Rabia ao silencio”, 2019), o cal denota a intensidade coa que a coruñesa se dedica a unha arte que tamén está enriquecida pola súa condición de filóloga, antropóloga e lingüista.

Recoñécesche admiradora de cantores de América Latina que van de Mercedes Sosa e Violeta Parra a Jorge Cafrune ou Atahualpa Yupanqui, en quen mesmo te inspiraches para o título do teu disco “Rabia ao silencio”, polo seu “Le tengo rabia al silencio”. Como chegaches a estas músicas e como inflúen na túa creación?

Latinoamérica está na miña vida desde que existo. Política, literaria e musicalmente. A ela débolle e con ela comparto moito máis que con Europa. As súas cantoras e cantores ensináronme a pensar e a súa loita ensinoume dignidade. Esas son as dúas cousas máis importantes que teño.

En consonancia co anterior, e aínda que os rótulos encorseten, con cal te sentes máis cómoda? Cantora, cantareira, cantautora?

Cantautora, aínda que sempre serei cantareira. A Carlos Puebla non lle gustaba nada que o chamaran cantante e adoitaba dicir: “Eu non son un cantante, eu son un cantor. Porque cantante é o que ten con qué e cantor é o que ten porqué”. Nese sentido eu tamén son cantora.

Con “Liberar as arterias”, rendes homenaxe á escritora e activista galega Luz Fandiño, ademais de levar toda a túa carreira reivindicando á muller; que tanto consideras que pode lograr a arte neste sentido? Que haxa máis mulleres facendo música respecto de épocas anteriores representa algún logro en concreto ou é pura aparencia?

A respecto da primeira pregunta, considero que a arte é consecuencia e non causa da sociedade na que se insire. É o seu reflexo. Con isto non digo que non exista unha imposibilidade total de influencia, pero é mínima. No tocante á segunda pregunta, nin sequera estou de acordo coa proposición. Que haxa máis mulleres no escenario, principalmente como vocalistas porque o ámbito instrumental segue bastante deserto, non significa nin moito menos que o mundo da música camiñe cara á igualdade. O día que haxa o mesmo número de técnicas de estudio que de técnicos, de técnicas de luces, de P.A., xefas de produción, produtoras… e de bateristas, guitarristas, baixistas (mulleres), poderemos comezar a falar de igualdade. Agora mesmo resulta insultante.

Castelao preguntábase con que dereito se nos obriga a aprender a lingua de Castela e non se obriga aos casteláns a aprender a nosa, en referencia, por suposto, ao galego. Hoxe é considerable a cantidade de artistas en Galicia que cantan no seu idioma. É un feito xeracional por educarse en galego, é máis ideolóxico ou a que crees que se debe?

Non creo que sexa para nada considerábel o número de artistas que cantan en galego fóra do ámbito tradicional e folk. Hai, pero non hai moitos. O ideolóxico é un factor presente no ámbito non tradicional, porque nos folclores musicais e o código lingüístico son indisolubeis. A xente non concibe non cantar unha muiñeira en galego ou unha bulería en español. De todos modos, cada vez a música e a arte en xeral están máis desideoloxizadas. E Galiza non é unha excepción nin nisto nin en nada.

Te puede interesar