CIUDAD

Mandas testamentarias para manter viva a lingua galega

photo_camera Funcionarios, alcaldes e particulares sumáronse a esta iniciativa, onte no Otero Pedrayo

O libro "Agora e sempre", que recolle as últimas vontades dun cento de ourensáns, foi
presentado nun acto público no paraninfo do instituto Otero Pedrayo de Ourense

O libro "Agora e sempre", que recolle as mandas testamentarias dun cento de ourensáns, foi presentado onte no Paraninfo do Instituto Otero Pedraio, coa presencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez. A publicación foi editada no contexto da campaña "En galego, agora e sempre!", que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística ten en marcha dende o ano 2002.

No acto de presentación do libro tamén se procedeu á sinatura da acta de derradeiras vontades no propio acto do instituto ourensán, baixo o lema "Procúralle futuro á lingua". Porque a Asociación persegue salientar a importancia da transmisión interxeracional do idioma galego, e chamar a atención sobre o seu uso nos documentos xurídicos e, en concreto, nas escrituras públicas.

Estas accións encádranse nunha iniciativa que partiu hai 13 anos da devandita asociación, que pretende a galeguización das lápidas dos cemiterios no marco dun proceso de normalización lingüística.

Do mesmo xeito, o colectivo convida aos cidadáns a achegar aos seus testamentos unha manda ou cláusula sobre o idioma galego como patrimonio que cómpre conservar. Trátase dun acto de reafirmación da galeguidade nun dos intres máis transcendentes da vida: o da súa fin.

“En galego, agora e sempre!” busca teimar nun obxectivo: estender o uso da lingua galega nos protocolos notariais, nomeadamente nos de declaración de herdeiros, incluíndo nos mesmo unha manda testamentaria que obrigue aos seus beneficiarios a proseguiren no futuro o labor de impulso e fomento da lingua galega.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia naceu hai vintecinco anos, e dende entón ven desenvolvendo moitas iniciativas para normalizar o uso da lingua galega en tódolos ámbitos.

No ano 2002 editou o libro “Un futuro para a lingua galega”, no que un cento de personalidades relevantes da vida social galega responderon á proposta de redataren unha manda testamentaria pedíndolles aos seus herdeiros respecto e defensa pola lingua galega no futuro.

Te puede interesar