Arte et alia

Manual de dirección, fotografía de arte

Alexia Muíños e Casal de Miguel, Fernandez Valdés e David Hernández.
photo_camera Alexia Muíños e Casal de Miguel, Fernandez Valdés e David Hernández.

Xa é outono, pois comeza OUFF, o Ourense Film Festival, desta volta vixésimo sétimo. Un aspecto propio salientable en paralelo ás proxeccións cinematográficas son as publicacións e monografías, como a de Jaime Chávarri deste ano; e máis aínda no canto da arte, a produción de exposicións singulares, que prolongan o aroma do festival máis alá da súa semana. Así nas edicións pasadas con Sempre Xonxa, Elisa e Marcela, Atención, rodamos en Ourense ou Memoria erótica de Carlos Velo, da man do artista Xurxo Oro. En 2018 encargáronlle a Xulio Gil Rodríguez (Ambía, Baños de Molgas, 1954), un grande da fotografía, o Retrato Maior do noso cine. Comisariado por Xosé Enrique Acuña, vogal da Fundación Velo, quixeron centrala nos actores e actrices de Galicia nados antes de 1960. Aquela icónica mostra ten sido unha exposición homenaxe, un recoñecermos neles, mentres que a producida agora polos mesmos protagonistas para o OUFF27, que se centra nos cineastas, é distinta pois con ela abordase o seu descubrimento.

Son proxectos ámbalas dúas da mencionada Fundación incardinada no festival, co profesor Miguel Anxo Fernández á fronte da coordinación artística e da técnica da Deputación Aurelio Gómez, membros daquela. Eis así como nace esta mostra artística de cineastas, que ás veces son intérpretes, escritores e guionistas ou produtores. É un elenco para a contemplación máis tamén hai unha invitación ao diálogo, dende o catálogo, con Óliver Laxe, recén duchado, coa infusión e a mel que, en sala, vai a carón de Pablo Iglesias, tamén sentado, cun bolígrafo e un libro en alusión a que tamén é escritor. Velaquí por vía de exemplo unha das claves da praxe conceptual previa antes da montaxe, pensada xa para ela polo fotógrafo, que foi profesor de matemáticas, aínda que haxa algo para o mergullo no cotiá do retratado.

Fotografados en busto largo, de pé, ás veces ata as pernas, son retratos formais e pactados, que tentan achegarse ao espectador propoñéndolles un plus iconográfico co que collen coas mans, que ten que ver co seu traballo, ou coa súa personalidade, mirada psicolóxica de Gil coa que abrangue un mundo dacabalo co íntimo e o público. De Margarita Ledo a Ángel de la Cruz, cos seus tres Premios Goya, a claqueta de La Unidad de Dani de la Torre, para televisión, Zaza Ceballos, ante unha máquina de escribir, ou Carlos Amil con A Fraga Milmañas e Blanca Madison, dúas obras súas. Hai encadres de busto largo, que deixan falar aos ollos en Antón Reixa, ou Carlos L. Piñeiro (n. 1950), este un dos máis vellos do amplo grupo de cincuenta e dous, con Anxos Fanzáns (n. 1992), como unha das más novas. Máis alá de que sexan da terra, como García Pinal (n.1962) Ignacio Vilar e Xavier Bermúdez, os dous en 1951, ou veñan de lonxe, como Manane Rodríguez, de Uruguay, e Jaione Camborda, de Guipúscoa/Donostia, dende hai máis de trinta anos todos son parte indispensable da creación cinematográfica galega, e con premios en festivais como Karlovy Vary, Locarno ou Cannes. A empresa levada a cabo por Xulio Gil, Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas 2013, é sutil e expresiva dende o branco e negro, como adoita na Capela dos Arcos, Alterarte, 2011, praxe que ven xa dende Tigres como cabalos, 1990.

Te puede interesar