Entrevista a Manuel Baltar: "Presidir o PPdeOu apaixóname, ten que seguir levando 'Ou' en maiúsculas"

Entrevista a Manuel Baltar Blanco.  MIGUEL ÁNGEL
photo_camera Entrevista a Manuel Baltar Blanco. MIGUEL ÁNGEL
Entrevista en profundidade ao Presidente da Deputación de Ourense en funcións e do Partido Popular en Ourense Manuel Baltar

Manuel Baltar leva un “animal político” dentro que o “absorbe”. Trala súa marcha da Deputación de Ourense vai seguir dando guerra como presidente do PPdeOU e mesmo baralla presentar a súa candidatura no vindeiro congreso provincial. Os que se apresuraron a borralo do mapa político ourensán, entre eles o titular da Xunta, Alfonso Rueda, van ter que ler esta entrevista concedida a Telemiño para o programa “Unha hora con…”.

 Por que renunciou a seguir presidindo a Deputación?

Por un exercicio de responsabilidade, eu presido o PP de Ourense, que foi o gran gañador nas eleccións. Estivemos a 140 votos de ter o deputado 13, que nos daría a maioría absoluta. Tendo máis votos que o PSOE e o BNG xuntos, e sabendo que quen gaña unhas eleccións é quen goberna a institución máis importante da provincia, eu, en días previos a calquera negociación, quixen despexar calquera dúbida; o que importan son os proxectos e as siglas e o que menos os nomes. O primeiro que me plantexei foi facilitar un goberno do PP na Deputación, que vai ser real. E sigo presidindo o partido máis importante da provincia, que volverá a dar unha lección de como gañar no 23J, favorecendo que un ourensán presida o Goberno.

Foi unha renuncia persoal ou forzada?

Absolutamente persoal. Teño a perspectiva suficiente para saber que a política necesita de cando en vez este tipo de movementos, que poden ser sorprendentes, pero que achandan o camiño e fan que o que prevaleza sexan os proxectos. Catro de cada 10 maiorías absolutas do PP en Galicia son da provincia de Ourense. Temos que pensar en clave de proxecto, non na persoal. Que ninguén poida entender que alguén pretendía aferrarse a un cargo. Un político ten que ter por diante a xenerosidade e saber ler os momentos.

Manuel Baltar, entrevistado por Elisabet Fernández y Xaime Calviño en Telemiño. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL).
Manuel Baltar, nun momento da entrevista. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL).

Feijóo ou Rueda tiveron que ver na súa renuncia?

En absoluto, foi unha cuestión que formulei eu e con tempo de abondo. Puiden facelo o venres ou o sábado, sabendo que xa había pacto con DO para facilitar as investiduras, desdicirme e ir a Esgos a tomar posesión como concelleiro. Pero a política non é un xogo e tanto Rueda como Feijóo coñeceron por min esa decisión, que a toma alguén que quere o mellor para o partido.

Nalgún intre se sentiu traizoado por Rueda e Feijóo?

Nunca. A lealdade é un principio básico e non só en política. Esa palabra de traizón quitémola do vocabulario político.

 Quen o chamou primeiro trala súa renuncia?

Chameinos eu, primeiro a Rueda e despois a Feijóo.

 O tema das multas, da utilización dos coches oficiais... influíu na súa decisión?

Non, nin creo que tivera impacto electoral. Aínda que algúns fixeron campaña exclusivamente con iso. O comportamento non se viu alterado polo ruído que fixeron na oposición. O PSOE, por certo, perdeu 12.400 votos en catro anos.

Recibiu máis lume amigo ou inimigo neste proceso?

Estou absolutamente preparado para recibir lume de todo tipo. 

Se os resultados electorais foron bos, por que puxo fin ao seu ciclo político?

Para que a Deputación seguira tendo un goberno do PP. Eu podía seguir ata o venres e o sabado dicindo que vou a seguir de presidente, co evidente risco de que ao rematar esa operación fora comigo mesmo como voceiro da oposición na Deputación. Eu non vexo a ninguén que presidira unha Deputación despois exercendo a oposición. Hai que ter a capacidade para ler o que é mellor para a forza política que represento. É unha decisión meditada con tempo suficiente para que se puidera chegar a calquera tipo de acordo, que afortunadamente se chegou.

Foi moeda de cambio nas negociacións do seu partido?

Non, esas negociacións foron posteriormente. Esperouse ata o final, estábase falando de concellos e cando se empeza a falar da Deputación eu xa estaba apartado desa querencia por ser non só deputado, senón presidente da Deputación. E se fun moeda de cambio, fun eu o que me convertín ou facilitei que esa circunstancia non impedira que o PP gobernara na Deputación.

Manuel Baltar, entrevistado por Elisabet Fernández y Xaime Calviño en Telemiño. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL).
Baltar contesta ás preguntas de Elisabet Fernández e Xaime Calviño en Telemiño. (FOTO: MIGUEL ÁNGEL).

Vai intentar seguir presidindo o partido?

É unha pregunta que se plantexa cando se convoque o próximo congreso, será unha decisión que terei que tomar tendo en conta todas as opinións e sobre todo aos meus máis directos colaboradores en cada concello e en cada comarca. É unha función que me apaixoa. Eu agora vou reincorporarme ao meu sitio como funcionario da administración pública coa miña especialidade xurídica, onde sempre estiven a gusto, pero cunha paixón pola política que non diminuiu nin un ápice. A ilusión, as gañas e as forzas son máis grandes ca nunca.

Que opinión ten do pacto do seu partido con Jácome?

Eu dixen que non pactaríamos con Jácome nesta volta, existiron cuestións gravísimas durante a campaña que fixeron que foramos á xustiza. Pero a xente votou e dixo que o gañador das eleccións no Concello de Ourense foi DO e eu o que fago é respectar o resultado das urnas. O acordo para que Jácome non fora alcalde non foi porque o PP non o puxera por riba da mesa con luz e taquígrafos. Entón o PP ten a lexitimidade total para entablar outro tipo de accións, sobre todo respectando eses 18.000 votantes que tivo DO.

Se antes das eleccións xuro ante a Biblia que non vou pactar con vostede, incluso vouno denunciar ante á Fiscalía… como é posible que ao día seguinte das eleccións tente negociar con vostede? Como se lle explica isto á cidadanía?

Moi difícil de explicar. Era unha emerxencia extraordinaria e a resposta tiña que estar á altura de PSOE e BNG en clave de pacto.

Nesas negociacións, os candidatos da cidade non tiveron peso. Leváronse desde Santiago. 

Creo que ten que ver con esa situación de emerxencia extraordinaria que supoñía Ourense no panorama de Galicia. É certo que un pacto PP-PSOE sería rara avis a nivel nacional, pero habida conta da situación extraordinaria… As cúpulas dábanlle liberdade aos número un para os acordos. Pero pasou o que pasou. Hai que explicalo pero sobre todo terían que explicalo aqueles que se negaron a facer o que horas antes dicían que ían facer.

 Quedou danado o liderado político de Ourense?

Eu como gañador das eleccións locais, como autor do xesto de apartarme para acadar a Deputación e adicarme eses días a negociar outros acordos en Beade, Punxín, Viana... penso que as negociacións leváronse por quen había que levalas, eu fixen o meu traballo a nivel local.

Se volvese catro anos atrás, pactaría con Jácome sabendo que pasou de 7 a 10 concelleiros?

Hai catro anos non foi decisión exclusivamente miña, senón que tamén se pronunciou a dirección autonómica do partido e todas aquelas persoas que tiñan algo que dicir. O pacto foi consensuado, buscando o mellor para a cidade e a provincia. Conseguise que a Deputación tivera un goberno estable. É referente no Estado hoxe, grazas a ese acordo. As vantaxes dese acordo son evidentes, outra cousa é a xestión e o resultado destes catro anos.

Pero si que dá a sensación de que hai catro anos Ourense pintaba máis nese acordo, que agora parece que todo se decide en Santiago.

Posiblemente porque hai catro anos o acordo foi moito máis rápido e agora estívose xogando de xeito diferente con outras claves. Existía esa polémica con implicacións xudiciais, enrocamento de todos contra Jácome que parecía que cristalizaría e non se produciu… Agora a situación é diferente.

Como interpeta que máis de 18.000 ourensáns lle deran o voto a Jácome tras escoitar os audios nos confesaba abertamente as súas ‘mordidas’?

Creo que a democracia actuou e hai que ser respectuosos con iso. É un triunfo electoral que gañou, supoño, a pulso coa súa especial campaña. Imaxino que tivo bastante que ver a forma de levar o Concello nos últimos meses, as axudas, as obras… Ao mellor non cumprimos as expectativas as outras formacions. Creo que Jácome adiantou pola esqueda e pola dereita ás dúas formacións clásicas e, polo tanto, o meu maior respecto para todos os votantes. Creo que os exégetas da política local teñen moito que facer para explicar as razóns. 

 Deixou de recibir algunha chamada desas que lle facían pola cercanía?

Non, sigo mantendo as mesmas. Non só pola condición de presidente da Deputación, senón como presidente do partido.

Que Deputación deixa Manuel Baltar? 

Conseguimos o edificio Provincia Intelixente, o Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros, milleiros de obras, OUFF, ICC Week, débeda cero, o remanente de tesourería máis alto da historia, a aposta pola Ribeira Sacra, a identidade… Levo un pin da xeración Nós e isto só se pode levar en Ourense, a reivindicación permanente dun galeguismo político e unha ourensanía. No seguinte mandato está o reto do Gran Hotel Balneario.

O PPdeOU caracterízase pola súa identidade galeguista, teme que se poida perder ese valor?

Forma parte da ialma deste partido. Nos equivocaríamos como PP se deixamos que descendera un milímetro ese nivel de autoesixencia. O PP ten que seguir tendo esa “OU” en maiúsculas. 

A oposición sempre criticou o reparto partidista dos cartos.

É unha crítica que cae polo propio peso vendo as obras. E sobre as subvencións nominativas, non hai ningún concello que me poida dicir que algunha cuestión non foi atendida. Gobernamos en dous de cada tres concellos, o normal é que dous de cada tres concellos que reciben axudas sexan do PP.

La entrevista, al completo en Telemiño

La entrevista a Manuel Baltar, realizada por los periodistas de La Región, fue grabada por las cámaras de Telemiño, y se emitirá esta noche, a las 23,00 dentro del espacio "Una hora con...". También se puede visualizar en streaming, en el video que se presenta a continuación:

 

“César Fernández, Luis Menor? Hai 10 perfís para presidir a Deputación”

Quen é o seu candidato favorito para presidir a Deputación?

Non teño candidato nin favorito, e ademais non o vou votar porque ao non ser concelleiro non vou ser chamado para a elección. O PP ten ducias de candidatos. Trasladareille as cuestións que pensamos desenvolver nos próximos tempos, coa axuda da Xunta e do próximo presidente do Goberno, un ourensán que sabe onde están cada un dos 92 concellos. Estamos a punto de vivir un tempo importante para a provincia.

César Fernández, alcalde de Ribadavia, Luis Menor, do Pereiro… dá a sensación de que están entre os mellor colocados.

Habería que preguntarlle a eles. César xa é deputado, acadou en Ribadavia un grandísimo resultado, el só da nada. E Menor está sobradamente capacitado, con presenza no goberno autonómico. Son dous perfís, pero poderíamos falar de seis, sete, oito, dez…

Que outros seis, sete, oito…? As opcións vanse acurtando.

Non, porque quedan seis por elixir en Ourense, Valdeorras… ao mellor me quedo curto falando de seis. A democracia e o partido teñen que actuar.

Hai división entre baltaristas e non baltaristas, ruedistas e non ruedistas?

Nunca advertín ningún tipo de división. Nunca falaría tampouco de baltarismo, falo de ourensanismo, de crer en Ourense.

Hai posibilidade de que rexurda Centristas de Galicia?

(Ri). Eu sei que isto gusta moito, habería que preguntar aos futurólogos. A política ficción non me gusta nada. A formación de centro dereita galeguista é o PP e en boa parte polo empuxe do PP de Ourense.

Se tivera que poñer música dos Beatles á súa despedida da Deputación ou a súa traxectoria nela, que canción poría?

“In my life”, por exemplo, que é un temazo. O futuro está aberto a calquera circunstancia, a miña mentalidade ten en conta todos os escenarios posibles.

Imaxina a súa vida fóra da política e incluso fóra de Ourense?

Outra canción, “Imagine”. Si. Non o sei. A vida son etapas, eu teño unha vocación política que é difícil que fraquee, e menos nun momento coma este. Teño 55 anos e quedan moitas cousas por facer. Hai prantexamentos que me están chegando, pero ese animal político que levo dentro absorbe. Non podo nin sei agora por onde vai o camiño, pero está claro que presidindo o PP de Ourense, que é unha forza importante e unha maneira de estar onde se toman as decisións.

Pero de momento, que opcións ten na mesa?

Varias. Desde a política ao privado. Encontrei a unha señora pola rúa e dime: “Creo que te vas a Europa”. Eu estou en Europa, a xente pode falar moitas cousas pero o futuro está por escribir.

Querería dicir Bruxelas?

Ao mellor é porque me viu moito en Bruxelas. Ata agora hai dous despachos en Bruxelas co meu nome. Eu creo que hai que deixar que escampe e temos o reto importantísimo das eleccións xerais. Vou desgañitarme na campaña para o proxecto que pode devolver a España ao camiño da solvencia e que personaliza un ourensán.

Vostede destacou por converter Ourense nun plató de cine. Nestas semanas, e cítolle un clásico, sentiuse “Solo ante el peligro”?

Non. Cando levas tempo presidindo, sendo sempre o destinatario da última chamada… Porque sempre hai unha última chamada cando alguén está apretado e só ante o perigo. En moitas ocasións era ou sigo sendo eu, en cuestións políticas. Nunca me sentín só, estou arroupado no partido por un equipo que ten Ourense por bandeira. A cooperación é un lema do goberno provincial, polo tanto, soidade ante o perigo nada.

Onde se ve no sector privado? Vai ser emprendedor?

Calquera pode ser emprendedor. polo camiño poden xurdir moitas cousas, que poden ser ou non compatibles coa miña función pública, pero entra dentro da miña liberdade para afrontar estes anos ata a xubilación. E a política vai ter parte importante do meu tempo.

Imaxínase recibindo o premio da Ourensanía?

Non. O que me facía ilusión era entregalo, igual que regalar. Estudo a personalidade e cúrrome os regalos.

Que lle agasallaría a Villarino?

Unha bufanda, porque xogou a Harry Potter cando se presentou a líder do PSOE e creo que ao mellor unha que lle poida regalar eu aínda non a ten.

E a Rueda?

Unha pluma. Está a punto de asinar importantes cuestións para Galicia da man dun ourensán como Feijóo.

E a Feijóo?

Un bastón de mando, porque non sendo nunca concelleiro foi o alcalde de Galicia exercendo a presidencia.

 Que lle parece se titulamos esta entrevista desta maneira: “Manuel Baltar: Marcho que teño que marchar”?

Pero non marcho eh!, ou sexa que ‘cuidadito’. Marcho que teño que marchar da Deputación de Ourense, iso o acepto. Pero eu non me vou de ningures, estou no meu sitio. A Deputación segue aberta para calquera, incluso para min. E sobre todo para min. Vai ser o sitio ao que acudirei coa frecuencia que requira o caso, pero evidentemente debo estar en Ourense. Ou sexa que non marcho.

Te puede interesar