ENTREVISTA

Marisol Díaz Mouteira: “A provincia ofrece multitude de oportunidades, hai que potencialas"

photo_camera Marisol Díaz en su despacho

A delegada da Xunta en Ourense asegura sentirse como "na casa" no seu despacho da delegación territorial

Marisol Díaz Mouteira asegura sentirse como "na casa" no seu despacho da delegación territorial, á que regresou tras ser reclamada en agosto polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para encabezar a lista da formación pola provincia, clave para a terceira maioría absoluta consecutiva dos populares en Galicia.

Xa dixeriu a volta á delegación?
Esta volta era fácil de dixerir, era a opción que máis me gustaba. Sempre dixen que estou a disposición do partido, pero pola miña traxectoria sento que aquí podo aportar, faime moita ilusión ser delegada e traballar para os cidadáns.

Chegou en outubro de 2015. Necesitaba unha lexislatura completa para poder despregar o seu traballo?
Foi un ano ademais condicionado por ser preelectoral. Agora hai moita máis perspectiva e por iso manifesto o meu inconformismo, a vontade de traballar para que Ourense sexa tida en conta, para que eses proxectos que foron anunciados se fagan realidade.

Cal debe ser a función dunha delegada?
Deixouno claro o presidente, ter as portas sempre abertas, escoitar e aprender dos colectivos, asociacións, alcaldes, ser o nexo de unión con Santiago. Vou percorrer a provincia e coñecer as necesidades nas que temos que seguir avanzando, buscar que a recuperación económica revirta en todos os cidadáns.
Feijóo incidiu hai uns días que debían ser inconformistas. Que quere dicir?
Hai que chegar a moita máis xente, aínda queda moito por facer pese a que se ten progresado moito. O inconformismo debe facer que non nos quedemos no que xa hai proxectado, do contacto coa xente xurdirán máis proxectos.

E unha boa decisión manter o equipo de conselleiros, delegados, non corren o risco de caer na autocomplacencia?
Con este equipo tivemos unha maioría nas urnas que confirma o bo traballo, ademais se remodelou hai pouco máis dun ano.

Está ben atendida a provincia dende Santiago? A oposición asegura que hai moitas carencias.
Creo que está ben atendida. Xa lles transmitín en campaña que non estaba dacordo con esa visión de negrura e marxinación que teñen. Foron dúas lexislaturas moi compricadas, houbo que priorizar e aínda así avanzamos. Non hai máis que ver o novo hospital, o edificio xudicial, a mellora de 89 centros educativos. Queda moito, pero non comparto a idea de que Ourense estea marxinada.

Segue sen haber conselleiros ourensáns.
Temos un presidente da Xunta ourensán, tamén un presidente do Parlamento. Non se trata de representación, Ourense se ten en conta.

Está disposta a poñer por diante a provincia do partido?
Sempre. Se estou aquí e asumín a responsabilidade é para traballar por Ourense.

Que deben atender os orzamentos de 2017 na provincia?
Hai que atender o remate do complexo hospitalario, as melloras nos centros de saúde. Queremos que todas as comarcas teñan un centro de saúde, un educativo e un social novo ou renovado, isto se ten que reflexar nos orzamentos.

Algunhas das promesas feitas en campaña xa viñan doutras lexislaturas, como o balneario na cidade. Será unha realidade?
Hai determinados proxectos que non se levaron a cabo pola situación. Temos claro que, a nivel turístico, un balneario sería un punto moi importante, pero o principal son os servicios públicos básicos. Demostrarase que todo é unha realidade.

Cando abrirá o novo hospital?
Depende dos accesos, que van en tempo. No primeiro trimestre do ano debería empezar a funcionar.

Os fogares perciben a recuperación económica?
Hai moitas familias que si, pero debemos seguir traballando por moitas outras que non, son consciente. Hai que incidir niso, no problema demográfico, a natalidade, a conciliación ou o rural.

Fala do tema demográfico. Pasan os anos, tómanse medidas pero a sangría non se detén. Hai solución?
Non é algo exclusivo de aquí. É un tema no que debemos afondar coas axudas á natalidade e, sobre todo, coa conciliación, para que as familias saquen partido dos 100.000 empregos que prevemos crear ó longo destes catro anos e teñan facilidades. Non hai unha varita máxica, pero se pode mellorar a situación.

Vostede é filla da emigración (naceu en Alemaña). Preocupa que volva este fenómeno?
Penso que agora hai un tipo de emigración moi diferente e, nos últimos tempos, hai un descenso dos xóvenes que marchan. Agora, a salida está máis vinculada coa formación, os idiomas, tratar de mellorar. O reto debe ser a captación dese talento, fomentando as axudas á investigación para que se queden connosco. Nese senso, son importantes os convenios con empresas para que poidan adquirir experiencia.

Ten medo de que Ourense se convirta nunha terra que non ofreza expectativas á mocidade?
Ourense ofrece multitude de oportunidades, a nosa obriga é potencialas. Hai que ver a aposta pola rehabilitación no rural, tamén creceron os autonómos que se establecen en vilas para dedicarse á agricultura e á gandeiría. Por esa liña debemos seguir, tamén co turismo, o termalismo ou o sector do viño, debemos centrarnos en potenciar o ciclo de viticultura, formar á xente para que poida traballar nas catro denominacións de orixe que temos na provincia,

Veremos implantado dunha vez o transporte metropolitano?
Está en marcha. Hai que ter en conta que, polo medio, houbo unha campaña, un tempo en funcións. A parte social está aprobada e se está traballando na penetración dos autobuses. Non hai que correr, senón facelo ben.

A lexislatura debe servir tamén para mudar as rutas do transporte público entre as vilas e a cidade.
Para o 2019 estará rematado ese plan de transporte, é moi importante porque está moi vinculado co rural, achegarse ó cidadán. 

Te puede interesar