Os masóns ourensáns son persoas pertencentes á clase media-alta que dedican a súa vida a eidos coma o empresarial. De entre os personaxes históricos, perteceron a ela Blanco Amor ou Curros Enríquez.

Os masóns, con todo detalle

Alberto Valín amosa o seu libro 'Masonería y revolución. Del mito literario a la realidad histórica'. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
Son moitos os mitos que rodean ás sociedades ocultas.
Teñen inspirado libros e películas, así como as imaxinacións de moitas xeracións do mundo enteiro. Dentro delas, a masonería ten sido unha das máis inspiradoras. En Galicia son moitas as loxias que existiron e aínda existen. Na Coruña permanecen activas tres, dúas en Santiago de Compostela e outras tantas en Vigo. A última pontevedresa deixou de existir hai uns anos, mentres que en Ourense, o cumio de importancia das loxias deuse entre finais do século XIX e principios do XX. Son datos que aporta o profesor Alberto Valín, da Facultade de Historia do Campus Universitario, que lembra que unha das grandes pegadas da masonería na cidade foi a fundación da Escola Laica Neutral.

A pesar da carencia de loxias organizadas como tal na provincia, non por iso desapareceron os masóns. Os seus nomes non son confesables, a non ser que o propio suxeito decida revelar a súa pertenza á masonería. O que si que se pode contar é que pertencen a un estrato social entre medio e alto e ganan a vida como empresarios ou avogados. Segundo o tamén coordinador do grupo de investigación de Historia Contemporánea, son 'xente coñecida', aínda que moitos deles atópanse en 'estado durminte', unha expresión que se podería traducir a linguaxe tecnolóxico como 'standby'. Os activos acoden ás reunións celebradas nas loxias compostelanas e, ata hai pouco, ás da Coruña.

Se ben os actuais son inconfesables, os nomes de personaxes que xa pasaron á Historia con maiúsculas trascenden gracias á documentación da masonería. É o caso do novelista Eduardo Blanco Amor, que se iniciou nesta sociedade secreta xa en Bos Aires. Tamén pertenceu a ela o seu parente, Juan Manuel Amor, que dentro da loxia Auria figuraba co pseudónimo de Ashii, un nome curiosamente semellante ó que Blanco Amor empregaba para se dirixir a el nas súas historias: Aser, segundo relata Alberto Valín.

Da literatura procede tamén outro ilustre masón: Manuel Curros Enríquez. Como 'sociedade de apoio mutuo' que era este colectivo, foi a masonería quen lle nomeou a Juan Manuel Páz Nóvoa como avogado cando Curros tivo os problemas co bispo Cesáreo Rodrigo. 'Paz Nóvoa é o meu sospeitoso número un, pero aínda non atopei documentación que o acredite como masón', magóase Valín.


A MASONERÍA NO MUNDO

'A masonería hoxe xa non é o que era'. En España están adscritas a ela unhas 3.000 persoas, entre eles políticos como José Luis Rodríguez Zapatero, que o era incluso antes de se converter en secretario xeral dos socialistas. Arredor da masonería, debido á aura de ocultismo que a envolve, téñense creado demasiados mitos, algúns que 'apuntan a realidades'.

Esta sociedade secreta ten sido perseguida e temida polos poderosos por esconderse tras varias revolucións e intentos golpistas, coma a española de 1820. Hoxe, a influencia política e social do colectivo masón ten perdido forza, pero a ela pertencen, por exemplo, moitos membros do Club Bilderberg. Con todo, a masonería non é perigosa. Foino nalgúns casos, coma o da loxia italiana Propaganda Due, que viu relacionado o seu nome coa mafia e á que é sospeitoso de pertencer Silvio Berlusconi.

A gran pregunta que podería xurdir sería: Que fan os masóns cando se xuntan? Pois 'falan de todo. O venerable mestre encarga traballos analíticos sobre a actualidade e debaten en torno a eles. Ademais, como algún profesor universitario é masón, fan discursos moi brillantes', conta Alberto Valín. De cara ó futuro, a el interesalle afonda no perfil do masón.

Te puede interesar